Esquerda Unida critica que co incremento de coruñeses no limiar da pobreza o goberno municipal fale de blindaxe social. A Enquisa publicada o pasado 30 de decembro sobre as condicións de vida das familias galegas polo Instituto Galego de Estatística amosa un alarmante incremento da taxa de persoas no limiar da pobreza, tanto en Galicia como na Coruña. Diante desta situación o goberno local en lugar de establecer os mecanismos necesarios para que os servizos sociais poidan atender as necesidades básicas dos coruñeses e coruñesas que máis están a sufrir, limitase a outorgar subvencións a dedo a distintas entidades benéficas. Este tipo de políticas denotan unha clara ideoloxía clasista propia dos conservadores, que pretenden transformar dereitos sociais en esmola e beneficencia.
O grupo municipal de esquerda unida – os verdes considera fundamental implantar unha rede municipal de comedores sociais para que cada coruñés pague o seu menú segundo as súas posibilidades económicas. Os poderes públicos deben modular as súas políticas segundo as necesidades da cidadanía, nestes momentos de crise onde no conxunto do Estado o 28,2 % da poboación atópase en risco de exclusión social, semella necesario unha actuación proactiva da Administración para loitar contra esta situación de emerxencia social xeneralizada.
Os poderes públicos deben garantir os dereitos humanos, mais o dereito á vida non se pode garantir si non se asegura o acceso a unha alimentación digna. Xa que logo, non se pode delegar esta función básica na boa vontade das entidades benéficas. Coa nosa proposta non so se garante un dereito fundamental senón que busca a integración social. Así os prezos dos menús desta rede de comedores públicos espallados polos barrios da nosa cidade, variaran dende a gratuidade para as familias en risco de exclusión social, até un prezo xusto para aqueles coruñeses que dispoñan de suficientes recursos, pasando por prezos populares para as familias con dificultades. Trátase pois de establecer prezos progresivos segundo a renda da unidade familiar, normalizando así o uso dos comedores municipais por toda a cidadanía, evitando a reticencia de facer uso destas instalacións ao chamados “novos pobres”, cidadáns integrados socialmente que a crise os puxo no limiar da pobreza. Asemade esta proposta permitiría a socialización, algo moi necesario para as persoas maiores.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “cando ducias de coruñeses dependentes non teñen acceso ao servizo, falar de que non existen listas de espera é canto menos demagóxico, pois o goberno municipal esquece que os atrancos burocráticos que está a poñer a Xunta de Galicia, condena a moitos dependentes ao limbo, en ocasións até a súa morte”.