Valoración visita Gaspar Llamazares

Seguindo a solicitude feita pola Plataforma Ventorrillo Desmantelamento Penamoa ás distintas forzas políticas e fieis ao noso compromiso de apoio a veciñanza do barrio adquirido coa devandita Plataforma, o consello comarcal de EU xestionou unha pregunta ao Goberno e a presencia de Gaspar Llamazares na nosa cidade para visitar o poboado de Penamoa e participares nunha asemblea de barrio no Ventorrillo.

En contraposición coa solución xurídica tomada polo concello de costas a veciñanza, Esquerda Unida propón una solución política e social integral diante deste grave problema, orixinado pola miopía do Goberno local cando nos anos 80 centralizo distintos asentamentos en Penamoa, sen acometer os servicios elementais para que os moradores puidesen desenvolver unha vida digna.

 

Avogamos polo desmantelamento do poboado chabolista e a recolocación dos seus habitantes mediante un auténtico plan de reintegración consensuado coas distintas ONG que están a traballar con estes  colectivos.

 

Apostamos por un plan integral de rexeneración de Penamoa no que se acometa a retirada de refugallos e materias tóxicos de maneira sustentábel e saudábel para converter Penamoa nun espazo de lecer e de servizos para a veciñanza, débeda histórica do concello para co barrio e que é posíbel desenvolver grazas aos terreos de propiedade municipal alí existentes.

 

O acto desenvolvido nun ateigado salón de actos do CEIP María Barbeito, foi un primeiro paso cara a converter A Coruña nunha cidade participativa, onde veciñanza sexa quen de dirixir os destinos do seu propio barrio.

 

Esquerda unida valora moi positivamente a asemblea de barrio desenvolvida coa colaboración da Plataforma Ventorrillo Desmantelamento  Penamoa na que houbo unha grande participación e tratouse en profundidade o problema de Penamoa e as distintas soluciones que permitan recuperar a tranquilidade nun barrio que leva décadas sufrindo unha situación insustentábel dende o punto de vista social e sanitario.

 

O consello comarcal de EU Coruña agradece profundamente a visita de Gaspar Llamzares, tan so uns días despois de preguntar ao goberno sobre os riscos para a saúde xerados polo asentamento chabolista de Penamoa.

 

O coordinador comarcal de EU e candidato á alcaldía, César Santiso, afirmou que “o novo consello comarcal ven demostrando dende a súa constitución, fai case un ano, que a nosa forma de facer política é na rúa, xunto a xente, tentado de solucionar os seus problemas. Creemos que a política debe estar ao servizo da cidadanía, porque outra política é posíbel. Por iso apostamos pola participación cidadá e mantemos contactos periódicos con diversos colectivos veciñais”. Santiso citou como exemplo destas xuntanzas as mantidas coas AAVV Os Castros, Los Rosales, Castrillón, Os Mallos Sagrada Familia, Mariñeiros ou a Plataforma do Ventorrillo.   

 

César Santiso indicou que “sabíamos das dificultades que podía entrañar a visita a Penamoa, máis consideramos un deber amosar a cidadanía a realidade da situación do asentamento, porque o problema persiste a pesares de que o concello pretende transmitir á opinión pública que a situación está normalizada”. Por iso, o candidato á alcaldía non dubidou en poñer en valor a valentía e o compromiso do noso voceiro parlamentar coa veciñanza do Ventorrillo en particular e coa nosa cidade en xeral.

 

Relacionados