Vanessa Angustia, senadora de En Marea e membro da dirección de Esquerda Unida, defendeu na Comisión de Cultura do Senado unha moción do Grupo Parlamentario Confederal Unidos Podemos-En Comú Podem- En Marea que centra a súa atención naqueles espectáculos taurinos que, vulnerando os diferentes regulamentos autonómicos, teñen lugar grazas á declaración dos mesmos como Festa de Interese Turístico, Espectáculo Tradicional, Festa Tradicional de Interese Turístico ou Festexo Taurino Tradicional.
Esta é a fórmula que, coa complicidade en moitos casos das autoridades autonómicas, atoparon celebracións como o Toro Namorado de Benavente, o Toro de la Vega, o Toro Xubilo de Medinaceli ou o Toro de Coria para sortear os diferentes regulamentos autonómicos, que coinciden en prohibir espectáculos onde se produce un sufrimento innecesario e unha crueldade extrema, así como a visualización por parte do público dos momentos máis sanguentos, protexendo especialmente a nenos e nenas.
Tal e como a propia moción do Grupo Parlamentario Confederal Unidos Podemos-En Comú Podem- En Marea sinala, “os propios datos estatísticos extraídos de fontes ministeriais apuntan que ao redor dun 80% da poboación española rexeita os espectáculos taurinos, mentres que a cifra de apoio caeu no últimos tres anos do 30 ao 19%. Estas cifras de apoio son moito menores, reducíndose ata un 5 ou un 7%, no caso de espectáculos de crueldade extrema, como os antes sinalados”.
A moción que se debate no Senado apunta ademais que “os mecanismos legais creados como ferramentas para conservar os elementos do noso Patrimonio Cultural non poden converterse na trampa utilizada para manter espectáculos tan controvertidos e rexeitados”.
O Grupo Parlamentario Confederal UP-ECP-EM solicita na súa moción que se elabore, en primeiro lugar, unha relación de todos aqueles espectáculos taurinos de extrema crueldade que, amparándose na súa declaración de interese turístico ou espectáculo tradicional, vulneran os diferentes regulamentos autonómicos.
En segundo lugar, expón a revisión dos criterios de concesión das declaracións e cualificacións antes sinaladas, así como a que se fixo da Tauromaquia como Patrimonio Cultural. En terceiro lugar, a iniciativa expón retirar todas esas concesións e excepcionalidades ao cumprimento da Lei, fosen concedidas tanto por gobernos autonómicos como por entidades locais. O Grupo Parlamentario Confederal Unidos Podemos-En Comú Podem- En Marea tamén propón eliminar aqueles espectáculos taurinos en que os animais teñan menos de dous anos, as denominadas becerradas, modificando cando sexa necesario os propios regulamentos autonómicos que actualmente os permiten.
Por último, a moción que se debateu na Comisión de Cultura do Senado propón “remitir ás Cortes Xerais, no prazo máximo de seis meses, proposta de Reforma da Lei Xeral de Patrimonio e propostas Regulamentos de Cualificacións Patrimoniais e de protección cultural” para que os espectáculos taurinos de extrema crueldade que antes se describiron non atopes vías de excepcionalidade que permitan a súa celebración nos diferentes territorios do Estado Español.