Vanessa Angustia culpa ao Secretario de Estado de Servizos Sociais e Igualdade de “invisibilizar ás persoas LGTBI” nos orzamentos e esixe a súa dimisión

A senadora Vanessa Angustia, portavoz adxunta do Grupo Confederal, aproveitou a comparecencia do Secretario de Estado de Servizos Sociais e Igualdade, Mario Garcés, ante a Comisión de Orzamentos do Senado para solicitar información sobre as partidas orzamentarias destinadas a loitar contra a discriminación que experimentan aínda as persoas LGTBI e, moi especialmente, as persoas trans.

A senadora de En Marea defendeu, na súa intervención, “a necesidade de investir maiores recursos económicos en políticas que impulsen a igualdade de dereitos das persoas LGTBI e contribúan a erradicar toda forma de discriminación por orientación sexual, identidade de xénero e expresión de xénero (acoso escolar, delitos de odio, etc.)”. Vanessa Angustia criticou duramente a total ausencia e invisibilidade da realidade das persoas LGTBI no orzamento do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.

Con todo, o titular da Secretaría de Servizos Sociais e Igualdade evitou responder en todo momento ás interpelacións desta senadora e ignorou completamente a realidade das persoas LGTBI na súa exposición. “O Secretario de Estado de Servizos Sociais e Igualdade ten incapacidade para desempeñar unha responsabilidade pública. As personas LGTBI non merecemos tal desprecio. Esiximos unha rectificación pública e súa inmediata dimisión como cargo do Gobierno”, dixo a senadora ante esta inacción.

Ver vídeo dende aquí 

Relacionados