Esquerda Unida organizou este xoves en Lugo a charla: “Menores e transexualidade”, que contou coa participación de Cristina Palacios, presidenta de Arelas (Asociación de Familias de Menores Trans), Marcos Cal, deputado de En Marea e Vanessa Angustia, voceira de ALEAS IU (Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual) e senadora de En Marea. Este acto está enmarcado na programación que Esquerda Unida está a levar a cabo co tema central da diversidade, co motivo do Día do Orgullo LGBTI e baixo o lema: “Vivir libremente, vivir dignamente”.
O primeiro en tomar a palabra e presentado pola compañeira de Lugo Vanessa Somoza, o deputado de En Marea, Marcos Cal, incidiu na realidade galega, comezando pola “non aplicación e desenvolvemento da LEI 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia”. Tamén fixo fincapé na “Lei Galega de Identidade de Xénero, presentada nesta lexislatura dende os colectivos e asumida polos grupos parlamentarios da oposición, lei que superaba o marco da normativa de 2014 e, tristemente, contou coa oposición do PP”. Ao non saír adiante, as persoas transexuais ten que seguir dando unha explicación cada vez que sacan o DNI, por exemplo. O deputado de En Marea tamén reparou nos seguintes pasos a dar dende En Marea a prol dos dereitos dos menores transexuais e que afectan tanto ao ensino (respecto á formación de docentes), como á sanidade (os protocolos na atención primaria, ou a creación dun centro de referencia).
“Respecto á discriminación histórica do colectivo, é importante protexer aos menores dende o comezo”, destacou a senadora Vanessa Angustia, que fixo fincapé “na importancia de protexer os dereitos dende a infancia, uns dereitos recollidos na Lei Integral de Transexualidade e Intersexualidade de carácter estatal, na que está a traballar, para que as persoas poidan, por exemplo, decidir o seu cambio de sexo e rexistro do seu nome a partir dos 16 anos”. Angustia tamén pon atención “nas cifras de acoso brutais que sofren estes menores: 8 de cada 10 son acosadas por razóns de orientación sexual. Tamén unha gran parte de menores declara sufrir ciberacoso por razóns de orientación sexual ou de xénero”, resalta Vanessa Angustia, unhas cifras “que denuncian o acoso constante que sofre o alumnado e o difícil que é o camiño a prol da educación na diversidade, é dicir, o dereito destas persoas a ter un espazo de liberdade e de seguridade”.
Por último, a presidenta de Arelas, unha asociación formada por familias de menores e adolescentes transexuais, Cristina Palacios, falou sobre a evolución dos últimos catro anos en materia lexislativa deste colectivo e como afecta na realidade a estes menores, así como o difícil camiño que falta por percorrer en materia de diversidade e protección á infancia.
No marco do 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBI, e co lema “Vivir libremente, vivir dignamente”, Esquerda Unida está a realizar unha serie de actividades co fin de debater e dar a coñecer cuestións relativas aos dereitos LGTBI, tanto os acadados como os que aínda están por acadar, así como a problemática coa que este colectivo se atopa no día a día. Para elo contamos coa participación de persoas que pertencen a diferentes colectivos que velan e reclaman estes dereitos.