Vázquez: “Os investimentos en Rozas non xeran emprego, senón que supoñen destinar recursos ás multinacionais para fabricar armas”

O deputado de AGE e membro da dirección de Esquerda Unida, Ramón Vázquez, denuncio hoxe que “o señor Feijóo vén de escribir o enésimo capítulo da enciclopedia da mentira en torno a base de drons de Rozas, hoxe mesmo acaba de anunciar un investimento de 100 millóns de euros para a creación dun parque tecnolóxico industrial cando o anuncio anterior era que se ían investir 50 millóns de euros para a captacións de socios comerciais. Nós sabemos que esas captacións de socios comerciais se ten convertido na adxudicación a Airbus Defence deses proxectos de desenvolvemento de tecnoloxía militar”, explica Vázquez.

“E isto acontece despois de que se teñan invertidos 10 millóns de euros públicos da Xunta de Galicia no perimetraxe e mellora da torre de control e instalación de sistemas de seguridade no propio aeródromo de Rozas. Acontece, ademais, despois de que o presidente da Xunta de Galicia prometera que as probas de Rozas tiñan un carácter civil, e nós xa demostramos que o Grupo de Obtención por Sistemas Aéreos (GROSA), pertencente ao Reximiento de Intelixencia nº 1 do Exército, realizou probas en Rozas co dron militar israelí Searcher MK II”.

“Tamén demostramos, cando denunciamos a instalación de concertinas no campamento militar de Parga, a 20 quilómetros do aeródromo de Rozas, que estes drons tiñan unha finalidade militar e se demostrou na realización posterior das manobras da OTAN neste campamento por parte das forzas conxuntas de 8 países e máis de 800 efectivos”. O uso militar do aeródromo de Rozas é a historia dunha sucesión de mentiras e enganos que Vázquez leva anos a denunciar dende Alternativa Galega de Esquerda (AGE).

“Agora estamos ante un anuncio electoral co que o señor Feijóo pretende alisar o camiño á súa candidata no Congreso provincial e facer un anuncio panfletario nunha provincia como a de Lugo, ausente de investimentos importantes. Ao final da lexislatura, Feijóo pretende emendar unha acción de goberno nefasta para Lugo e Galicia, sen ningún tipo de proxecto”, di.

“Os investimentos que se están a realizar en Rozas non conseguen xerar emprego, senón todo contrario, que se destinan recursos ás multinacionais de armamento que fabrican armas coas que se enriquecen e se implican en conflitos internacionais como os que todos coñecemos”.

Relacionados