Venres 19:45, Asemblea de barrio

 

Esquerda Unida leva anos pulando pola participación cidadá, consciente da necesidade de fortalecer o tecido asociativo veciñal na procura de que os coruñeses e coruñesas adquiran maior capacidade de decisión sobre as políticas que inflúen directamente sobre as súas vidas. Así pois, decidimos tomar a iniciativa habida conta da falta de interese amosada tanto polo anterior Goberno bipartito como o actual do PP en canto a políticas activas de participación cidadá, como o amosa o feito de que nin os uns nin os outros non so non desenvolveron o regulamento de participación cidadá senón que incluso o incumpren.

 

Esquerda Unida organiza unha Asemblea de barrio para a veciñanza do Birloque, 2ª fase de Elviña, Someso, As Rañas ou Martinete coa colaboración da AVV. Os Anxos, neste sentido Ramón Mañana, declarou “a nosa asociación é apartidista, mais agradecemos a disposición de EU-V para desenvolver este tipo de actos que permiten que a voz dos veciños chegue a María Pita. Por iso colaboramos de igual maneira que o faríamos con calquera outra forza política, mais nunca ningún outro grupo municipal outorgounos esta posibilidade”.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes comeza a desenvolver a súa proposta de participación  cidadá as 19:45 h. deste venres no local social da AVV. Os Anxos na Avda. de Glasgow Nº 5, polo que anima a toda a veciñanza a participares para falar dos problemas do seu barrio porque isto non é un acto político onde a cidadanía escoita aos seus representantes, senón que sucede xusto ao revés, organizamos o acto para escoitar a cidadanía.

 

César Santiso, afirmou que “en Esquerda Unida cumprimos as nosas promesas, comprometémonos a ser a correa de transmisión da veciñanza, xa que logo, poñemos a disposición da cidadanía coruñesa as asembleas de barrio como canle de comunicación”. Para posteriormente explicar o funcionamento da iniciativa: “desenvolveremos unha Asemblea de barrio mensual, comezando por aquelas zonas que se atopan máis desentendidas, así as propostas máis apoiadas nas ditas asembleas as transformaremos en iniciativas no seguinte Pleno do Concello. Así as denuncias, inquedanzas e suxestións que formulen democraticamente os veciños e veciñas chegarán a María Pita a través de mocións o preguntas do noso grupo municipal.

 

Santiso indicou que as Asembleas de barrio pretenden constituirse na semente dos orzamentos participativos aos que aspira chegar Esquerda Unida – Os Verdes, para que os veciños poidan elixir unha parte dos investimentos do seu barrio de maneira democrática, porque “quen mellor que os propios veciños para identificar as necesidades do seu barrio. Mais para chegar aos ditos orzamentos debemos, todos e todas, adquirir a experiencia necesaria para xuntarnos, debater, consensuar e tomar decisións colectivas”.

 

O voceiro de EU-V explicou como é o protocolo do procedemento “primeiro xuntámonos coa AVV. logo facemos unha visita guiada ao barrio para que os veciños e veciñas nos amosen “in situ” os seus problemas e así, poder visualizar as súas queixas, posteriormente desenvolvemos a Asemblea de barrio e trasladamos ao Pleno do Concello as iniciativas alí consensuadas. Por último deixamos un tempo prudencial para que actúe o Goberno municipal e repetimos a visita ao barrio para fiscalizar a acción do goberno municipal e controlar a execución das demandas solicitadas democraticamente na asemblea veciñal. No caso de que os problemas non estean resoltos o denunciaremos publicamente e desenvolveremos novas iniciativas municipais. A veciñanza pode ter a absoluta seguridade de que pularemos pola execución das súas demandas.

 

Relacionados