Veto de entrada ao Parlamento

Os servizos de seguridade do Hórreo chegaron a ordenar a un membro dunha plataforma de afectados polas preferentes que quitase unha camisola co lema “Preferentes solución”.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2013.- Para Alternativa Galega de Esquerda é intolerable que os servizos de seguridade do Parlamento vexasen aos cidadáns que, esta mañá, asistían a unha xuntanza con deputados na sede da soberanía popular galega. Amparándose nun “teño ordes”, a seguridade do Hórreo fixo demorar a entrada na Cámara de dez persoas máis de 45 minutos e obrigou a levantar o xersei a algúns dos convidados dos grupos políticos da oposición. A un deles fixéronlle quitar a camisola, que rezaba “Preferentes solucións”. A xente que foi humillada na porta do Parlamento de Galicia pertence a diferentes plataformas de afectados polas participacións preferentes e subordinadas das antigas caixas de aforros e aos sindicatos do comité intercentros da Xunta.

Alternativa Galega de Esquerda xa remitiu un escrito de protesta por estes feitos lamentables á Presidencia do Parlamento. No documento, AGE esixe explicacións, coñecer quen ordenou aos servizos de seguridade tomar semellantes actitudes e reclama que non se volva repetir.

Relacionados