Hoxe venres remata a viaxe, organizada por Sogaps (Soliedariedade Galega co Pobo Saharauí), a Tinduf á que acudiron os nosos compañeiros de Esquerda Unida, Miguel Castro e Ivan López, que saíron ata os campamentos de refuxiados saharauís coa fin de levar axuda humanitaria e coñecer a situación actual do pobo saharauí, un pobo en resistencia. Un par de días despois, a coordinadora nacional de Esquerda Unida e deputada de En Marea, Eva Solla, sumouse a esta viaxe, aínda que o fixo como membro da delegación do Intergrupo Paz e Liberdade co Pobo Saharaui do Parlamento de Galicia.
Un ano máis, Sogaps organizou unha axenda institucional para dar a coñecer a situación do pobo saharauí, en resistencia continua ante a ocupación de Marrocos fronte á deixadez do estado español, ambos elementos fundamentais que sosteñen a opresión sobre o pobo saharauí.
Segundo vén relatando a nosa coordiandora, Eva Solla, a axenda institucional permitiu xuntanzas a todos os niveis: reuníronse co Presidente do Parlamento Jatri Adduh e coa vicepresidenta do parlamento Africano, Suelma Beiruk, coa que conversaron sobre o papel das mulleres saharauís dende o ano 75 ata os nosos días.
Ademais, participaron na apertura do IX Congreso do UJSARIO (Xuventude do Frentre Polisario), reuníronse cos membros de Media Luna Roja, que explicaron as dificultades da poboación para acceder á auga. Tamén estiveron coa Asociación de Familiares de Presos y Desaparecidos Saharauis e, por último, visitaron diferente lugares, como o Museo da Resistencia, con decenas de pezas de artillería, fusís e minas antipersoa; a Casa Sanitaria de Galicia ou o Hospital de Bojador.