Viaxe do PP a Madrid

Javier Galán considera que para cumprir a finalidade que supostamente desexan deberían encadearse diante da Moncloa. “Son dirixentes políticos e deben buscar responsabilidades políticas, pero non: no fondo é un xogo frívolo. Un insulto á xente de abaixo que está sendo triturada polo PP”.

O grupo municipal de Esquerda Unida considera que a actuación musical do piquete antisindical desprazado polo PP de Ferrol a Madrid é propia dun grupo de xente frívola e acomodaticia,  unha vergoña para a cidadanía de Ferrolterra, un insulto ao percorrido de anos de mobilización conxunta, social e sindical, en demanda de carga de traballo para a comarca. A dereita ferrolá nunca estivo nin vai estar na defensa do Naval público, xa que forma parte dun todo, dun corpo ideolóxico cunha folla de ruta oculta que cada vez o é menos: deteriorar intencionadamente o prestixio e a dotación material e persoal dos estaleiros públicos, restrinxir a súa capacidade produtiva e, finalmente proceder a súa venda ou peche, sen pararse a consideracións como o futuro da clase obreira.

A imaxe de  case 200 cargos públicos do PP máis Juan Fernández representando un teatriño infantil de fin de curso, cuns acomododados concelleiros disfrazados de bravos manifestantes, seica quería reflectir o que o Alcalde de Ferrol, con cartos públicos, insinuaba nas cartas dirixidas á cidadanía animando a manifestarse e mobilizarse polo interese xeral de Ferrol, deixando claro, non día de hoxe, que, baixo o seu punto de vista, ese interese pasa por cantar consignas antisindicais, contra os lexítimos representantes dos traballadores e traballadoras de Ferrolterra., organizacións de clase imprescindibles para resistir fronte ao rodillo da dereita, para loitar contra os recortes de dereitos cos que a xente do común paga os despilfarros da corrupción político financeira.

Dende Esquerda Unida, o concelleiro Javier Galán reclámalle ao alcalde de Ferrol un pouco de dignidade, que dimita por respecto á cidadanía e que deixe de xogar coa institución na que exerce de alcalde como se fora a sede do seu partido.  En vista de que é incapaz de cumprir o mandato que lle deron as urnas -garantir un futuro para Ferrol- que dimita do cargo que non sabe exercer e deixe paso a outras forzas políticas que temos claro o rumbo: dique flotante sen máis excusas, levantamento do veto, diversificación industrial e investimentos públicos, garantía do emprego, recuperar o prestixio da compañía esnaquizado polo PP a través do presidente de Navantia e os ministros Soria e Montoro, ofertas serias e firmes, e non bocexos inservibles como no caso dos gaseiros.

Dende EU queremos manifestar o noso apoio ao cadro de persoal de Navantia e a todas as organizacións sindicais,  e condenamos a actitude electoralista do alcalde, que en previsión dun pleno onde os cidadáns o deixarían en evidencia cunha asemblea popular na praza, monta un tinglado exprés, un teatro de varietés, pechado á participación doutros que non teñan o carné popular, para acabar reunido en fraternal compañía co Presidente de Navantia.

Certamente, para que van necesitar eles ou as súas familias os sindicatos de clase, xa teñen os outros  “sindicatos” que se derivan do culto pola sociedade estamental de comuñón co cura ,o bispo e o mestre de taller. A antes da revolución industrial hai que remontarse para poder entender o que queren: o goberno da comunidade de  tramas familiares para que na lotaría da vida lles toque a eles a salvación.

Javier Galán, portavoz do grupo municipal do PP considera un contrasentido que con cartos públicos se financie comunicados públicos como Alcalde chamando a actos de mobilización convocados unitariamente polos sindicatos e , en horas de traballo, se monte un acto partidista con tintes antisindicais.

Relacionados