A executiva nacional de Esquerda Unida considera que o asalto ao despacho do avogado vigués Gustavo García ou a recente agresión ao militante de eu e activista LGTBI en Compostela “amosan unha extratexia organizada da extrema dereita en Galicia”.
Esquerda Unida deu hoxe traslado dunha pregunta parlamentar ao congreso a través da Esquerda Plural, ante a evidencia de que non existe no ministerio de interior unha extratexia acorde ao grao de incremento da violencia de extrema dereita en Galicia e en cambio dótanse recursos “desproporcionados” para a persecución da mobilización social e sindical en Galicia.
Para Esquerda Unida, que xa presentou unha proposción NON DE LEI para ilegalizar estes grupos fascistas no Congreso hai uns meses, os ataques teñen conexións directas en organizacións e grupúsculos que difunden a súa ideoloxía nazi poñendo en perigo a seguridade e a convivencia pacífica e democrática da cidadanía.
Polo tanto, EU considera que non só debemos quedarnos na denuncia institucional sen paliativos da actuación de grupos de extrema dereita ou dos delitos que estes puidesen cometer. Cómpre esixir ao Goberno que poña en marcha todos os instrumentos que a legalidade vixente pon ao seu alcance para actuar tamén na investigación das actividades daqueles grupos sospeitosos de participar en movementos de extrema dereita, as súas redes de financiamento, a difusión da súa ideoloxía por diversos medios, as súas actuacións, e as súas conexións con outras organizaciones en España e a escala internacional.





