Esquerda Unida constata a urxente necesidade de reutilizar o espazo público en Penamoa para evitar a súa degradación logo da visita ao barrio do Ventorrillo de Llamazares e Santiso. Porque estanse a producir de novo queimas e hai zonas (atrás dos depósitos e na zona das antenas) que volve a ser utilizadas como vertedoiros por parte de desaprensivos.
xa que logo, Esquerda Unida – Os Verdes propón a creación dun aparcadoiro disuasorio gratuíto ao carón da terceira rolda e un grande espazo de lecer e servizos para a cidadanía que inclúa un parque con zona de hortas urbanas e verxeis de froiteiras para promover a agricultura ecolóxica como entretemento, deporte e, incluso, como oportunidade para que as persoas desempregadas se sintan produtivas e poidan facer achegas á economía familiar, avanzando así cara á soberanía alimentaria coruñesa. O aparcadoiro situaríase ao carón da terceira rolda para evitar a entrada de vehículos no centro da cidade, pero que tamén podería ser utilizado pola veciñanza habida conta dos graves problemas de aparcamento que padece a zona.
Máis de medio centenar de veciños recibiron a comitiva de Esquerda Unida diante do baleiro centro comercial do Ventorrillo como mostra de apoio ás denuncias e reivindicacións do grupo municipal de EU-V e amosar o errado que se atopa o goberno local que pretende obviar o problema. A veciñanza soubo así recoñecer o esforzo e implicación de EU-V que presento diversas iniciativas plenarias para que o goberno municipal informe á veciñanza sobre a situación de abandono do centro comercial do Ventorrillo que presenta un estado desolador con ducias de locais comerciais pechados, incluídos o supermercado e a Farmacia que daban servizos básicos. Motivo polo cal 2000 veciños e veciñas avalaron unha solicitude de xuntanza ao goberno municipal fai máis de ano e medio, pero o PP obviouna.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “Penamoa e o barrio do Ventorrillo agora son seguros, non se trata dun problema de inseguridade como falazmente pretende facer crer o goberno municipal e as súas organizacións afíns, senón de graves molestias á veciñanza, neste sentido considero unha indecencia que o goberno queira facer partidismo desta situación e nos acuse de xerar alarma social, negando a evidencia”. Son os propios veciños os que teñen denunciado en innumerables ocasións que os fins de semana e principalmente polas noites desenvólvense festas xuvenís nalgúns locais e que outros utilízanse como locais de ensaio, todo elo sen declarar as devanditas actividades e, xa que logo, sen a correcta adecuación dos locais o que fai que se incumpran, entre outras, a normativa medioambiental, impedindo o correcto descanso da veciñanza que na mañá seguinte se atopan coa zona chea de refugallos, ouriñes e vómitos.
Finalmente César Santiso indicou “O goberno municipal pretende matar ao mensaxeiro, antes de poñerse a traballar para solucionar o problema e falar coa veciñanza”.