Esquerda Unida denuncia a existencia de fosas sépticas abandonadas no antigo asentamento de Penamoa o que constitúe un perigo para a saúde e o medioambiente, porque ademais atópanse descubertas. Por iso esiximos que previamente á rexeneración do espazo se proceda a limpeza das ditas fosas sépticas, altamente contaminantes pois as construíron os antigos moradores do poboado con evidentes deficiencias técnicas.
Durante o traxecto observáronse grandes zonas degradadas polas queimas intencionadas, xiringas polo chan e dous árbores lonxevos talados, asemade constatamos que o trapicheo de drogas continúa na zona do Agra das Baixadoiras. O que ven a demostrar que non é suficiente con limpar e rexenerar a zona senón que é totalmente necesario reutilizala de inmediato para evitar que se segan a desenvolver estas actividades delictivas, xa que logo EU-V propón a creación dun aparcadoiro disuasorio gratuíto e un grande espazo de lecer e servizos para a cidadanía que inclúa un parque con zona de hortas urbanas e verxeis de froiteiras para promover a agricultura ecolóxica como entretemento, deporte e, incluso, como oportunidade para que as persoas desempregadas síntanse produtivas e poidan facer achegas á economía familiar, avanzando así cara á soberanía alimentaria coruñesa. O aparcadoiro situaríase ao carón da terceira rolda para evitar a entrada de vehículos no centro da cidade, pero que tamén podería ser utilizado pola veciñanza habida conta dos graves problemas de aparcamento que padece a zona.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “as achegas de terra en Penamoa non son máis que unha nova triquiñuela do goberno municipal para agachar a súa inacción e desprezo pola veciñanza do ventorrillo, as ditas achegas non son parte da rexeneración de Penamoa senón que proceden de desmontes de actuacións urbanísticas como a da construción da nova residencia Padre Rubinos. En definitiva estase a utilizar a zona como depósito de terra, polo que temémonos que se utilice para soterrar os refugallos porque o PP xa nos ten acostumados a políticas do tipo `ollos que non ven, corazón que non sinte´, por iso permaneceremos vixiantes.
Habida conta da inacción do Goberno municipal, será Esquerda Unida quen leve a problemática do Ventorrillo ao Pleno, en cumprimento cunha das nosas promesas electorales de converternos en correa de transmisión entre a cidadanía e o Concello, xa que logo, o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes anuncia a realización dunha Asemblea de Barrio, en colaboración coa Plataforma do Ventorrillo, o mércores 21 de xuño ás 20:00 h. no CEIP María Barbeito, para debater sobre o estado actual de Penamoa, e consensuar propostas para a reutilización do espazo, así como calquera outra inquedanza ou suxestión para o voso barrio.