Visita electoral de Ana Pastor

Esquerda Unida considera que apenas estamos diante dunha visita que non é outra cousa que unha primeira cortina de fume electoral para agochar as miserias da Xunta.

Yolanda Díaz, na súa condición de Voceira do Grupo Municipal, expúxolle á ministra o ridículo dun Porto Exterior, rendible, con movemento e que se atopa bloqueado pola falla de conexión ferroviaria. A Voceira defendeu a necesidade de atender as moitas alegacións presentadas á chamada alternativa sur, de insufribles custes medioambientais para a nosa ría, e subliñou que Esquerda Unida avoga por que se resolvan as devanditas alegacións e se proceda a modificar o trazado para logo licitalo con celeridade. Quizabes a falla de dilixencia do ministerio  explique o silencio da ministra aos requirimentos efectuados pola Voceira do Grupo de Esquerda Unida.

Yolanda Díaz formulou toda unha serie de preguntas en defensa do servizo público do ferrocarril e do anunciado ERE. Privatización e recortes que están á orde do día e que dende outubro golpearían en particular a Ferrol mediante a redución de servizos rexionais e de cercanías do FEVE. Esquerda Unida vai presentar ao Pleno do concello unha iniciativa de acordo para manter liñas e servizos, asemade de levar ao Parlamento do Estado o inaceptable recorte en servizos que teñen demanda e cumpren unha función de servizo público.

A loita dos traballadores ferroviarios xa se expresou na folga estatal do día 3 e vai continuar na defensa dun servizo público gravemente ameazado. EU vai manter o seu pleno apoio ás demandas e loitas dos e das ferroviarias.

O noso Grupo Municipal  lamenta o nulo investimento realizado dende o Ministerio para conectar a Ferrol co Eixe Atlántico, verdadeiro no de comunicacións ferroviarias galego. Non se poñen cartos e se adía sine die calquera investimento para acadar esa conexión. Semella que este si é un investimento que debería comprometer o Ministerio e non o chamado AVE, que dista de ser o que necesita a nosa cidadanía e as mercadorías galegas.

En materia de rehabilitación do barrio de Recimil tamén houbo o  silencio do desinterese por un xeito económico e social de situar  o barrio cun equipamento deste século.

En resumo, visita electoral onde non houbo ningún compromiso e apenas palabras para xustificar unha xestión nefasta por contraria aos servizos públicos que demanda en xustiza a nosa cidadanía.

 

Relacionados