Aínda que toda iniciativa para a creación de emprego é positiva o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia que a insuficiencia do novo viveiro que ofrecerá oportunidades a moi poucos desempregados. Este centro acollerá a un reducido grupo de 30 privilexiados emprendedores, que disporán dunhas instalacións valoradas en 4,4 millóns e sobre as que se acometerá unha inversión adicional de 1 millón de euros en 2014. Estes datos amosan un elevadísimo investimento que semella non ser rendible en termos de xeración de emprego. Máis aínda si temos en conta que para cada un dos 23.196 desempregados da cidade o goberno municipal destinará no 2014 tan so 110 € como se deprende dos orzamentos municipais do 2014 onde se dota con 2,6 millóns ao fomento do emprego, programa con número 241 que o PP recorta en medio millón de euros con respecto ao ano pasado, un 18% apesares de que o desemprego segue a medrar.
Esquerda Unida lamenta que o goberno municipal desperdicie outra oportunidade para crear o Servizo Integral de Apoio a Emprendedores (SIAME) renunciando así a unha proposta de EU que busca oportunidades para todos e non so para uns poucos como oferta o goberno local. Neste sentido esiximos unha política inclusiva que de servizo a autónomos, PEME e cooperativas, cubrindo as necesidades básicas ás que se enfrontan os emprendedores, para que poidan centrar o seu esforzo na súa actividade produtiva. Así, mediante unha taxa que cubra custos de xestión, o Concello xestionaría, mediante recursos propios e convenios con empresas locais, a prestación de servizos administrativos, de asesoramento contable, laboral ou tributario, das TIC (informáticos e comunicacións), de loxística, así como das propias oficinas administrativas. Trátase de crear grandes espazos nos que centos de emprendedores poidan, compartir non so a súa sede, senón todos os servizos complementarios necesarios para poder desenvolver a súa actividade. Neste sentido basta comparar os 2.109 m2 do Papagaio en contraposición coa nosa proposta de utilizar os 26.000 m2 do recinto feiral Expocoruña que está desaproveitado e baleiro a meirande parte do ano, con perdas anuais próximas ao millón de euros. Apostamos por un uso intensivo das instalacións, mantendo por unha banda as actividades destinadas a crear novos espazos de negocio, e por outra, abrir os servizos de emprendemento a moita máis xente.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “esta actuación semella máis a necesidade de darlle unha saída ao stock de ladrillo que a un interese efectivo por axudar aos emprendedores. Semella que este goberno opta por beneficiar a uns poucos e abandonar a maioría dos veciños unha vez máis”.




