Hoxe tornamos a despacharmos coa realidade do tapiado de vivendas baleiras no barrio de Recimil. O noso Grupo Municipal pregúntase se as luces deste Goberno Municipal esgótanse no tapiado. Como pode ser que diante das necesidades sociais insatisfeitas e da realidade de vivendas baleiras, o Goberno Municipal se afogue nunha bochornosa inoperancia: vai para dous anos sen ser quen de aprobar o regulamento e polo en funcionamento, a pesares da colaboración e insistencia sobre este particular que está a a desenvolver Esquerda Unida.
Esquerda Unida esixe do Goberno que aprobe o regulamento e o poña en vigor para poder atender as necesidades sociais en materia de vivenda. O maior reclamo para as ocupacións é a incapacidade e despreocupación do Goberno en Recimil.
Para nós o que cómpre é traballar con dilixencia para que o regulamento sexa xa unha realidade, que sirva a nosa veciñanza. O que non pode ser ao noso xuízo é seguir a paso de tartaruga inconstante e adicarse, en vez de a resolver as necesidades sociais, a tapiar vivendas que hai que adxudicar a quen as necesita segundo criterios obxectivos e rigorosos.
Semella evidente a falla de preocupación e a improvisación coa que o Goberno Municipal atende todas as cuestións que afectan ao barrio e a veciñanza de Recimil. Sexa no que fai a rehabilitación do barrio, sexa na aplicación dunha ambiciosa política social de vivenda, ou se trate da recuperación exemplar do Bambú Club, este Goberno está a suspender e a perder unha oportunidade para amosar o carácter social que a crise económica que estamos a a padecer require.