Alternativa Galega de Esquerda esixe que a Xunta se faga da vixilancia dos bancos marisqueiros, que agora realizan as mariscadoras.
Santiago de Compostela, 4 de abril de 2013.- Dende 2002, un decreto da Xunta –daquela presidida por Manuel Fraga Iribarne- obriga ás mariscadoras a realizar as denominadas “actividades de coidado, control, seguimento, protección e vixilancia dos bancos marisqueiros”. Para Alternativa Galega de Esquerda (AGE), que vén de presentar unha proposición non de lei ao respecto a través do seu deputado Juan Fajardo, esta situación xera numerosos problemas e conflitos. O principal é que as traballadoras asumen perigos e riscos ao se enfrontar con organizacións furtivas ou a accidentes que, legalmente, poden ser considerados non laborais. Segundo Fajardo, e así o expón o documento da proposición (no documento anexo), a única saída para estas circunstancias consiste en que sexa a propia Xunta a que se faga cargo da vixilancia e control dos bancos marisqueiros. “Sería, a maiores, unha maneira de crear emprego”, expón, “e podería financiarse cos cartos que a Consellaría do Mar destina aos portos deportivos”.
“Ademais existe unha contradición entre os traballos de garda das mariscadoras e a normativa estatal que ordena que ‘os traballos privados de garda e control’ só os poden realizar persoal habilitado ao efecto”, denuncia o parlamentario de Alternativa, quen cualifica de “alegal” o sistema galego en que son as traballadoras as encargadas. Ademais, engade, a imposición da vixilancia ás mariscadoras e mariscadores “colisiona frontalmente coa conciliación familiar” e contradín a retórica da Xunta sobre o que chaman “fomento da natalidade”. “A Xunta debe introducir xa unha modificación que elimine a imposición de labores de control, seguimento, vixilancia e protección dos bancos marisqueiros ás mariscadoras e mariscadores”, conclúe Fajardo.