Voadura das caixas de aforro

Nesas alturas as Caixas de Aforros seguían sendo xuridicamente “entidades de aforro sen afán de lucro” pero que “actuaban na lóxica de mercado” que para os máis avispados non é outra que o “máximo beneficio e polo tanto un lucro evidente”. 42 Caixas de Aforros que curiosamente atesouraban máis do 50% do aforro familiar do estado, liquidez exquisita para unha banca que, por acción ou omisión, tiña que financiarse non mercados internacionais.

Dous anos despois, coa oposición única e exclusiva de Izquierda Unida, o goberno do PP aproba unha lei do solo que na práctica ampliaba de xeito brutal a edificabilidade nos concellos do estado e lanzaba ás entidades locais, escuálidas en canto a recursos financeiros polo escaso traspaso competencial cara elas acordado na transición, a unha guerra despiadada por trocar PXOMs e normativas de edificabilidade para que fora o sector do ladrillo o que sustituira na práctica á necesaria reforma da financiación municipal recollida na Lei reguladora de Bases locais que dende lonxe pretendía ser para o municipalismo español o cabalo de troia para que os concellos asumisen o 33% da recadación impositiva global.

O desparrame urbanístisco empezou a ser un maná para promotores, construtores e concellos e as caixas de aforros consideraron oportuno que ese aforro familiar que atesouraban tivese un uso máis lucrativo que o da obra social, as rondallas ou o pequeno crédito empresarial e familiar. As caixas, axudadas por modificacións normativas oportunas empezaron a xogar a ser Bancos, con todos os atributos económicos que isto supón.

É certo que os partidos tiñan coutas de representación nas caixas (como os concellos, ou casos curiosos como corais polifónicas, asociacións de viúvas, etc…) pero máis certo é que quen decidían finalmente eran “pequenos executivos saídos dos consellos de administración” sen control político, un politburó económico que furtaba se xeito evidente á información aos lexítimos representantes nas estruturas das caixas e que fóronse configurando nunha elite pechada coa complicidade por deixación, centos de veces denunciada por partidos e sindicatos, do Banco de España.

Cando Caixanova prestaba varios millóns de euros ao Pocero para facer bloques de apartamentos en Seseña o concepto de entidade pegada á terra que algúns querían vender, quedaba en papel mollado. O propio Gayoso recoñecía nun foro de internacionalización celebrado fai uns anos en Vigo que “a oficina máis rendible de Caixanova era a de Miami”, porta de entrada do capital especulativo galego nesa altura en latinoamérica.

O estoupido da burbulla inmobiliaria e os seus precedentes macroeconómicos mundiais foron somentes a espita inicial. A reforma da lei de caixas,  o FROB, as fusións mornas, quentes o frías son consecuencia desa falla de capacidade de control político e sindical das caixas. IU sempre defendeu que o control tiña que ser nos parlamentos autonómicos, con comisións parlamentarias permanentes, porque ter un representante nun consello no que non existía información veraz e real non tiña sentido. Incluso os partidos en ocasións perdían o control orgánico sobre cargos que actuaban fóra e ao marxe das decisións políticas que os órganos tomaban sobre o sistema financeiro. Ou, no peor dos casos, como en Bankia, eses cargos eran cooptados como membros dos consellos das novas caixas bancarizadas sen que mediase control e decisión política algunha como en Bankia.

Foron o PSOE e o PP os que asumiron como certa e oportuna a vella demanda da AEB de liquidar as caixas. Argumentaron o seu perigo para o sistema financeiro sen obrigarlle a voltar a ser caixas sen afán de lucro, con orientación social e cun mascarón de proa evidente como a Obra Social. Foron decisións políticas as que decidiron que o pouco control político e sindical desaparecera, que ningún presidente de caixas de aforro tivese que comparecer nos parlamentos autonómicos cando se artellaban nelas leis de caixas. O tempo amosou que o que se buscaba era que a banca descapitalizara o vello sistema de aforro local, que os culpables de meter ás caixas a xogar na ruleta de casino inmobiliario quedaran impunes.

O descontrol sobre consellos de administración que se blindaron salarios, xubilacións e indemnizacións teñen unha responsabilidade política evidente, pero non de todos. Hai partidos que pediron nacionalización de Caixas xa nos 90, cando das caixas saíron promotoras e tasadoras, cando crearon fórmulas financeiras nada acordes co pasado das mesmas, moitas delas montes de piedade na súa orixe. Había partidos que reclamaban control parlamentario das mesmas, elección parlamentaria dos seus órganos colexiados. Pero por desgracia había partidos que con gusto convertían ás caixas en instrumentos de financiación de chaladurías como o aeroporto de Ciudad Real (CCM), macrourbanizacións en Alicante e Murcia (CAM) ou mesmo a extensión brutal da rede de oficinas fora das comunidade de referencia como a compra da rede de oficinas de BNP Paribas por 4.500 millóns de euros por parte de Caixagalicia no ano 2000 para cerralas apresuradamente anos despois.

Na deixación formal de funcións no control do sistema financeiro español, que actuaba acorde ese mantra hoxe desaparecido de “non intervir na economía”, hai responsabilidades claras, perfectamente xudicializables:
· En primeiro lugar decisións políticas dos anos 90 e 2000 como a modificación da Lei Hipotecaria ou non artellar un sistema de financiación real e ponderado dos concellos para evitar que foran parte de especuladores.
· En segundo lugar do Banco de España e do BCE por non controlar e intervir nas decisións estratéxicas das Caixas de Aforros, os interventores do Banco de España non dixeron nin “mu” cando CCM, xurdida da fusión das caixas provinciais manchegas, empezaba unha expansión brutal no levante e Madrid apoiada pola marcha de promotores á esas zonas.
· Seguro que en terceiro lugar hai unha responsabilidade política. Pero non global, políticos tamén había en CAJASTUR e KUTXA que decidiron non investir no ladrillo, orientar os recursos á financiación de empresas, pymes e enfatizar as potencialidades da Obra Social. E políticos había no parlamento cando reclamábase que non se lle entregara “gratis total” ao BBVA tres fichas bancarias esenciais para formalizar unha BANCA PÚBLICA como foron o Banco de Crédito local, o de Crédito Hipotecario e o de Crédito Industrial.

Relacionados