Web que incumple a normativa

Na presentación declarouse: “se pretende ofrecer con total transparencia la actividad municipal en materia ambiental, posibilitando a la ciudadanía un acceso libre a una información ambiental de calidad”.

O grupo municipal denuncia o incumprimento da lei 27/2006 que regula os dereitos de acceso á información ambiental relevante na falazmente “nova” web ambiental do concello da Coruña. A lexislación estatal incorporou as Directivas 2003/4/CE e 2003/35/CE ao ordenamento xurídico mediante a Lei 27/2006, de 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente, fundamentada no dereito medioambiental internacional e comunitario (BOE 171 do 19.07.2006). Cómpre subliñar que o piar principal do Convenio de Aarhus -e de feito incluído na exposición de motivos da Lei 27/2006-, determina o dereito cidadán de buscar e obter información que se atope en poder das autoridades públicas, e o dereito de recibir información ambientalmente relevante por parte das autoridades públicas, que debe recompilala e facela pública sen que medie unha petición previa.

O Convenio de Aarhus[1], en vigor dende 2001, recoñece os dereitos públicos no acceso á información, á participación pública e ao acceso á xustiza nos procesos de toma de decisións gobernamentais en materias que afecten ao medio ambiente local, nacional ou transfronterizo. Céntrase na interacción entre a cidadanía e as autoridades públicas.

Logo de facer un percorrido polo miúdo na “nova” (só vernizada) páxina web da Concellería de Medio Ambiente, atopamos que non se está a cumprir nin o espírito do Convenio de Aarhus, nin o disposto na Lei 27/2006 de acceso á información ambiental. Resulta abraiante que a pesar de non cumprir coa normativa vixente, dende o Concello teñan a desfachatez de mencionar o devandito convenio.

Esquerda Unida esixe ao goberno municipal que publique a información ambientalmente relevante en lugar de propaganda. Procedendo á publicación sen restricións da información ambientalmente relevante porque de xeito resumido a páxina web, ten as seguintes eivas, entre outras:

– Agocha os datos ambientais relevantes que realmente queren coñecer os cidadáns, chegando á incoherencia extrema cando o mesmo Concelleiro que agora fala de transparencia declarou en xaneiro deste ano -sobre a auditoría de Nostián- que “no se trata de documentos públicos, sino de una herramienta interna, de la que harán uso en su departamento”, desouvindo non só a demanda unánime da oposición no pleno dese mes, senón mesmo incorrendo nun probable delito contra a lexislación ambiental por ocultación de datos.

– No que atinxe ao apartado de medición de parámetros ambientais, o único que fixo foi renovar a estética dun servizo que xa existía dende 2007, moito antes do goberno do Partido Popular: mapas de ruídos, de olores, etc; co agravante de suprimir a data que se podía ver na web anterior, de xeito que confunde aos visitantes, para que pensen que se trata dunha novidade dos “populares”, cando non tiveron nada que ver nela.

– O esqueleto da web é calcado da anterior web “Coruña Sostible”: Presentación, Agenda 21, Sector, Información e Educación Ambiental, Oficina Virtual, Publicaciones; Novidades e Eventos, Galería Multimedia e Enlances de interese. Tan só engaden algunha das escasísimas iniciativas, como o Plan Rúa, que presentan como excelente cando o cidadán ve que as rúas están máis sucias que nunca, pois non se fixo nada realmente.

– Eliminaron todo tipo de datas, agás as que se lles colaron, de xeito que pareza que foron eles os que impulsaron todo. Por exemplo, a “Rede de Enerxía Sostible da Coruña” no marco do proxecto “PRACTISE ENERGY”, foi previo ao Partido Popular. Cómpre engadir que non se informa nada sobre o estado actual de cada un destes proxectos, ao ser moi probable que a meirande parte deles estean parados ou mesmo abandonados.

– O apartado de “Novidades” limítase a unha actualización que semella ser automática sobre as novas do concello que teñen a etiqueta “medioambiental”, pois o que aparece máis que novas, son vellas.

– O apartado que debería ser máis relevante, de acordo coa lexislación vixente (Publicacións), no canto de presentar o que a veciñanza demanda (Auditoría de Nostián, Impacto e monitorización da EDAR de Bens, Saneamento do Burgo, etc…) limítase a presentar manuais asépticos de divulgación e educación ambiental, dos cales a practica totalidade xa estaban na web, e se ben educar sempre é bo, NON se trata do obxecto da lei 27/2006.

Poderíamos seguir diseccionando polo miúdo esta páxina web que non é nada máis unha nova fachada orientada á propaganda á que nos ten acostumado este goberno inoperante, incluíndo o uso de vídeos promocionais e outros complementos estéticos. Compre coñecer a canto ascendeu o custe deste novo desatino no seu conxunto, e por riba terse apropiado do feito por anteriores corporacións anteriores ao PP agochando as datas, se ben tamén estas eran de carácter propagandístico na súa meirande parte, agás os sistemas de medición en tempo real.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “a recén remodelada web municipal é un mero instrumento propagandístico que non incorpora información relevante como por exemplo a auditoría de Nostián, senón proxectos de futuro, ademais de apropiarse de feitos levados a cabo antes de que o PP acadara o goberno”. Cómpre lembrar que A Coruña foi a primeira cidade galega que suscribiu a Carta das Cidades Europeas cara a sustentabilidade, coñecida como “Carta de Aalborg” (pacto ratificado por unanimidade no pleno municipal de 14 de abril de 2000). Isto comprometeu ás autoridades locais a participar no proceso da Axenda 21 Local, co fin de crear e pór en práctica un plan de acción local cara a sostenibilidade. Ata o de agora, a promesa quedou en apenas nada.

 

Relacionados