Xabier Ron denuncia o racismo institucional que padecen as persoas migrantes e refuxiadas

Xabier Ron, membro da dirección de Esquerda Unida e deputado de AGE, trasladou está mañá en rolda de prensa a súa preocupación polo que acontece hoxe en día “nunha sociedade que é incapaz de mirar a ese outro con algo de empatía, de solidariedade, de fraternidade; senón que se tratan como un problema, co estigma da criminalización, como se foran delincuentes; un feito que dende Esquerda Unida vemos con gran desazón”.

“Por iso, Esquerda Unida vén de rexistrar, por medio de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), sete iniciativas sobre persoas migrantes e refuxiadas co fin de esixir que o executivo galego e cumpra coa súa responsabilidade como goberno democrático e que garanta dereitos humanos elementais como o de asilo ou o dereito á vida e á dignidade”, sinala o deputado.

“Concretamente, dende AGE preguntamos no Parlamento sobre as persoas refuxiadas acollidas en Galicia e, dende fai meses, a cifra é cero. Se en cinco meses de crise non fomos quen de acoller a ningunha persoa, fala moi mal da andamiaxe democrática que temos sobre a acollida”, apunta Ron.

“No ano 2009, o Estado español aprobou a Lei 12/2009 de 30 de outubro, reguladora do dereito de asilo e da protección subsidiaria e, máis de cinco anos despois, aínda non se aprobou o Regulamento que a debe desenvolver. É por isto que dende AGE instamos ao goberno galego a que requira ante o goberno central a aprobación do Regulamento de Asilo e que desenvolva dita lei, mantendo as achegas realizadas polas organizacións non gobernamentais especializadas no respecto a aspectos tan importantes como a reagrupación familiar”.

Nesta liña, Xabier Ron reclamou, de novo, “o cesamento inmediato dos voos de deportacións forzadas de persoas estranxeiras, así como a súa oposición ás deportacións express”. No último bienio, as compañías Air Europa e Swift  Air, do Grupo Globalia, foron as que participaron nunha práctica que é unha clara violación dos dereitos humanos, “polo que insistimos na urxencia de acabar con estas operacións humillantes de deportación masiva e insistimos en que se garantan, dunha vez por todas, os dereitos das persoas migrantes”.

“A semana pasada, dende Esquerda Unida, criticamos o novo procedemento para ter acceso á nacionalidade española, requirido pola nova Lei de Rexistro Civil, que implica pasar unha proba de cultura española obrigatoria a través dun exame que supostamente avalía a cultura, aínda que o que realmente obriga é a pagar un gravoso imposto de 325 euros ás persoas susceptibles de recibila”, explica Ron, que esixe que, “se ten que haber unha proba, que sexa gratuíta e que se realice en entidades públicas e no concello de residencia das persoas que opten a ela”.

Con estas iniciativas se esixe á Xunta de Galicia que se interese por estes temas, que “se elabore un plan ben estruturado sobre as persoas migrantes e refuxiados que soliciten asilo político no país no que figure o aloxamento, asesoramento, integración educativa e formativa e atención psicolóxica; un programa completo para que estas persoas sexan cidadás de pleno dereito”, remata.

Relacionados