Xestión do Teatro Colón

 

Unha renuncia da fundación de Novagalicia banco que sen dúbida sen dúbida repercutirá negativamente na capacidade de acceso á cultura por parte da cidadanía coruñesa. Renuncia que se debe a que agora é unha entidade financeira privada e por tanto non ten que destinar parte dos seus beneficios a obra social, xa que logo o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes advirte que a situación que estamos a vivir co teatro Colón é froito da bancarización das caixas promovidas polas políticas neoliberais de PP e PSOE. Situación que EU viña anunciando dende vai tempo, concretamente dende que comezou o proceso de fusión das caixas, consecuencia directa da privatización das caixas de aforros. Mentres estas caixas estaban baixo un réxime de xestión pública os seus beneficios retornaban á cidadanía en forma de fomento da cultura. Unha vez privatizadas en forma de bancos, os seus beneficios engordarán os petos duns poucos que si que poderán viaxar e pagar a asistencia a eventos culturais que estarán fora do alcance da maioría social que até agora podía asistir os mesmos no Teatro Colón.

 

Esquerda Unida denuncia a falta de previsión do Goberno do PP na Deputación provincial en relación coa xestión do teatro Colón, diante da renuncia da Fundación de NovaGalicia Banco a seguir financiando a programación cultural do Teatro Colón. Non se entende que o Goberno Provincial non previra esta renuncia dende fai meses e tampouco pódese admitir que durante estes meses non buscara unha alternativa a este foco fundamental da vida cultural coruñesa, provocando así un duro golpe para a vida cultural da bisbarra. Xa fai tempo que os actuais xestores do teatro deixaron de programar actividades máis aló do 20 de xaneiro do 2012.

 

César Santiso indicou que “este é un bo momento para que os parasitos sociais, eses que se quedaron cos cartos de Novagalicia Banco ou os cargos públicos que non controlaron a eses xestores, fagan algo polos coruñeses e coruñesas e asuman o custe de xestión do Colón”.

 

Santiso mostrouse favorábel a que o Concello colabore na xestión do teatro Colón a través do IMCE pero sen desenvolver investimento económico, algo que correspondería á Deputación ou a outros entes, porque nestes momentos de fonda crise económica, o Concello ve recortada a súa capacidade económica mentres máis do 10% da veciñanza coruñesa atópase en risco de exclusión social. “son momentos nos que os nosos gobernantes deben pasar a acción, un bo xestor caracterízase pola súa capacidade para priorizar as necesidades da cidadanía. Agora toca investir en servizos sociais e en reactivar a economía local mediante un cambio do modelo produtivo para xerar emprego, habida conta que nin o Goberno do Estado nin o da Xunta están a facelo”.

 

Relacionados