Xestión ineficaz

Esquerda Unida denuncia que o goberno municipal ademais de facer unha previsión irreal da recadación por multas, privatiza un serzivo que traerá consigo un elevado custe anual. As previsións do concello en relación á imposición e recadación por Multas de Circulación para o vindeiro exercicio orzamentario estiman un incremento dun 65%, pasando a recadación de 1.875.000 a 3 millóns de euros grazas ás “supostas” bondades introducidas pola privatización do sistema de xestión de infraccións, que levará EMVSA. Unha previsión errada que ten como único obxectivo inflar o orzamento e xustificar a chapuzeira externalización do servizo pois EMVSA ten que subcontratar a unha empresa privada a xestión das multas porque non dispón de medios técnicos e humanos para desenvolver a devandita encomenda.

A demostración de que a cantidade orzamentada está fora da realidade a temos no feito de que o incremento calculado polo PP supón chegar a unha porcentaxe de recadación do 76%, índice que nin tan sequera alcanza a Deputación da Coruña apesares do alto grado de competencia, especialización e experiencia, cuxa recadación rolda o 70%.

Por outra banda, a contraprestación do Concello á concesionaria EMVSA será dun 15% do importe neto recadado. Mais como EMVSA, aínda que municipal está constituída como empresa, terá que facturar o 21% de IVE. Así pois, as arcas municipais perderán con esta pouco intelixente manobra un 18,15% do importe neto recadado.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes propón un sistema de recadación público eficiente mediante a colaboración entre Concello e Deputación para que a totalidade dos ingresos das multas de circulación sirvan aos intereses da cidadanía. A ordenanza fiscal nº 5 da Deputación Provincial fixa unha taxa do 12,5% do importe neto da recadación das infraccións de tráfico, para aqueles concellos que non deleguen os impostos e taxas de recadación obrigatoria. Ao ser unha taxa dunha institución pública, está exenta de IVE. Ademais, no caso de que o Concello delegara na Deputación a recadación dalgún outro tributo, esta taxa podería reducirse ata o 5%, que é o que pagan a maior parte dos Concellos da provincia.

O voceiro de EU-V, César Santiso sinalou que o Concello desaproveita así as ordenanzas fiscais que bonifican o cobro de taxas, que como acontece coas multas de circulación de recadación obrigatoria, podería xestionar de xeito eficiente a propia Deputación.

Relacionados