Alternativa Galega de Esquerda (AGE) denuncia, a través dos deputados Xabier Ron e Ramón Vázquez, a privatización tinxida de nepotismo dos parques arqueolóxicos de San Cibrao de Lás e mais de Campo Lameiro. “Unha empresa privada, dirixida por cargos do Partido Popular, lúcrase con diñeiro público entregado a dedo”, expoñen, “e, aínda por riba, levará os cartos das entradas, da recadación das cafetarías e da venda de mercadotecnia”. A compañía Espiral Xestión Cultural, cuxos administradores son cargos do PP, recibirá deica 2017 543.842,98 euros por se facer cargo do Parque Arqueolóxico Cultura Castrexa Lansbrica, en San Cibrao de Lás.
A empresa creouse en 2012 e ten, segundo Ron e Vázquez, “nula ou moi reducida experiencia en xestión cultural”. Iso non impediu que a Consellaría de Educación, da que depende a Secretaría xeral de Cultura, tamén lle adxudicase o control do parque arqueolóxico sobre a arte rupestre en Campo Lameiro. “A empresa anterior, Ingenia QED, entrou en concurso de acredores”, relatan os parlamentarios na proposición non de lei (pnl, no documento anexo), “e entón aparece Espiral Xestión Cultural que, sen necesidade de pasar pola mesa de contratación, asumen Campo Lameiro por 544.5000 euros”. No caso de San Cibrao de Lás, optaba á adxudicación Van Divulgación Cultural, unha firma con máis de dez anos de vida e que xa traballou no sector.
“Máis aló do evidente nepotismo”, expoñen Ron e Vázquez, “nós opoñémonos á privatización dos parques arqueolóxicos”. Alternativa Galega de Esquerda esixe a paralización dos procesos de privatización en Campo Lameiro e San Cibrao de Lás e a reversión das adxudicacións e a posta en marcha da xestión plenamente pública de ambas as dúas infraestruturas culturais. “Os beneficios derivados da xestión dos parques serán empregados para mellorar a preservación, protección e divulgación dos restantes bens culturais e patrimoniais de Galicia”, conclúen os deputados, que tamén rexistraron unha pregunta ao Goberno sobre estes feitos.