A xestión pública directa e o carácter gratuíto van servir na nosa opinión para fornecer a participación da xente moza mediante a instrumentación de mecanismos de participación cidadá e sen pór obstáculos en forma de prezos aos servizos que este equipamento poida ofrecer.
A nosa organización denuncia as previsións do Goberno Municipal, previsións que pasan por cobrar certos servizos, segundo se recolle no artigo 8.8 da proposta do Goberno, a cal deixa esa porta aberta. Tanta previsión para esta cuestión queda en imprevisión no canto de procurar un espazo para a implicación e a participación da xente moza na Casa, porque o Goberno non contempla mecanismo algún para que a xente moza participe na programación e xestión dun espazo que tense que constituír como clave para ofrecer e producir un ocio alternativo.
O Grupo Municipal de Esquerda Unida formula no seu escrito, que achegamos con esta nota, a partires desa xestión pública directa e gratuíta e da creación dun órgano de participación da xente moza, un amplo conxunto de obxectivos que entendemos amplían e melloran substancialmente o enfoque do Goberno. Así a realización de actividades que estimulen o desenvolvemento das súas capacidades e o fomento da creatividade; a xeración dun ocio alternativo inspirado nos valores da igualdade, o respecto ás persoas, a igualdade de xénero, a asunción de responsabilidades e a cooperación e solidariedade; favorecer os intercambios con xente moza doutras localidades, para procurar fornecer a formación e a aprendizaxe de nova culturas e costumes; desenvolver iniciativas tendentes a fomentar a integración intercultural entre xente moza de diferentes territorios e culturas; promover a progresiva asunción da organización das actividades da Casa por parte das propias mozas e mozos usuarios, no que supón un progresivo empoderamento da mocidade ao respeito da vida social.
Entre outras cuestións, EU demanda que se coiden os horarios para que se adecúen ás necesidades do ocio da xente nova e non ao revés, sexan fixados de xeito unilateral pola concellería.
Outra das cuestións que se explicitan no escrito do noso Grupo Municipal é a que atende a que as actividades que se realicen se adecúen a valores emancipatorios e a que se amplíen as posibilidades de formación e comunicación das usuarias e usuarios co emprego da páxina web do concello.