Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través dos seus deputados Juan Fajardo e Antón Sánchez, esixe á Xunta que volva asumir directamente a xestión dos parques de bombeiros. Só así, consideran, se poderán evitar abusos patronais contra os traballadores como os que están a acontecer nos centro de bombeiros baixo mando da empresa Veicar. Esta compañía vén de anunciar aos seus empregados que, grazas á delitiva reforma laboral do Executivo de Rajoy, o convenio laboral até agora vixente remata a súa ultraactividade e o Estatuto dos Traballadores aplicarase á xornada laboral, quendas, complementos… “Co único obxectivo de facer medrar os beneficios empresariais”, sinalan os parlamentarios de AGE no texto da proposición non de lei presentada ao respecto, “o patrón modifica as condicións de traballo pactadas, con consecuencias sobre o servizo e a seguridade dos seus usuarios”.
A ofensiva do capital contra o traballo materialízase en todos os sectores. Ao campo dos bombeiros chegou hai tempo, coa privatización, e polo tanto sometemento á lóxica do beneficio económico, dun labor básico para a cidadanía. O caso de Veicar é un exemplo claro: “A empresa extorsiona aos traballadores porque lles formula que aqueles que non acepten as novas condicións, serán despedidos con 20 días por ano traballado como indemnización”. “A xestión indirecta, a privatización, dos parques de bombeiros”, conclúen Fajardo e Sánchez, “supón un retroceso na seguridade do noso país e antepón o beneficio privado á vida dos veciños”. Amais de esixir que o Goberno galego volva asumir directamente as competencias de bombeiros, AGE solicita que a Xunta medie entre Veicar e os seus operarios –que esta mañá se manifestaban en Bergondo, onde esta a sede da compañía e cuxa mobilización secundou o deputado Antón Sánchez- para que se asine un novo convenio colectivo e as condicións laborais non sexan impostas unilateralmente polo patrón.