Xestión urbanística

O grupo municipal de Esquerda Unida entende que o Partido Popular, o Alcalde e o seu concelleiro de urbanismo confirman día tras día a tese de que a participación da cidadanía en asuntos da polis é un postulado republicano. Non son virtudes que eles  queiran impulsar e coidar mais ben o que pretenden é favorecer os oscuros intereses do favoritismo e unha forma de administración do público subsidiaria e escrava dos negocios.

Agora toca sacar a contratación o servizo de mantemento, xestión e actualización de contidos da páxina web do Concello, según parece, como fórmula de apoio á concellería de participación e seguindo o previsto no regulamento de participación cidadá. Á marxe de que Esquerda Unida preferise unha administración pública preparada para este cometido e non unha externalización do servizo temos que recoñecer como loable en canto aos obxectivos… se non fora porque non podemos crer nada: que llelo pregunten aos veciños constituídos como Plataforma contra o malgasto, reunidos para manifestar por enésima vez que non se poden seguir enterrando máis cartos na praza de España, aos veciños que reclaman, ao igual que xa fixo este grupo, información sobre o tanque de tormentas de Esteiro, aos cidadáns de Ferrol Vello , aos membros do consello da veciñanza que nunca foron consultados con respecto a  ningún destes temas desde que se constituíu,  a instancias deste grupo, e non volveu a ser convocado.

O grupo municipal de Esquerda Unida quere manifestar o seu apoio á reunión en réxime de autoconvocatoria das entidades que conforman a Plataforma contra o malgasto. Manifestamos a nosa predisposición a facer propias as decisións que alí se tomen e, dentro do máis escrupuloso respecto á independencia de entidades e asociacións que a conforman, levar ás institucións xunto con outros grupos as iniciativas que se consideren oportunas.

Relacionados