Xornada sobre a PAC

Coa participación de técnicos, excargos públicos da consellería de medio rural de Asturias, gandeiros, e especialistas en políticas agrarias, Izquierda Xunida e Esquerda Unida pretenden establecer unha análise completa e un plan de acción contra o acordo entre o Consello, a Comisión e o Parlamento Europeo para a reforma da PAC 2014-2020, que foi anunciado en xuño na reunión extraordinaria da Comisión de Agricultura da eurocámara.

Ramón Vázquez e Xabier Ron, deputados do grupo parlamentar de AGE e membros do Consello Político Nacional de EU e Carlos Portomeñe, responsable de política institucional da executiva nacional de EU; que participan nas xornadas; consideran probado que “a reforma da PAC acordada é de xeito evidente insuficiente porque non aborda a raíz dos problemas senón que profunda na orixe destes: máis mercantilización da agricultura e a gandaría e, por tanto, máis desprotección para os pequenos e medianos agricultores galegos e asturianos principalmente, onde as explotacións agrarias son máis pequenas”.

Para EU e IX é evidente o ataque ás explotacións agrarias familiares, maioritarias en Galicia e Asturias, e sen dúbida estamos ante un acordo de reforma  da PAC que nin vai supor unha redistribución máis xusta das axudas, nin recolle medidas concretas para que a PAC sexa o apoio decidido necesario aos pequenos agricultores”.

Na xornada vaise tratar de artellar unha posición forte para que a “ampla marxe de manobra para os Gobernos dos Estados membros na implementación desta PAC reformada” signifique que  o Goberno español seña presionado polos productores para conseguir que non se siga fortalecendo a posición dominante das grandes multinacionais da agroalimentación”.

Esquerda Unida dará esta batalla xunto cos pequenos agricultores, os verdadeiros posibilitadores da seguridade e a soberanía alimentaria, promovendo un modelo de produción agrícola baseado na sustentabilidade social e ambiental. Esquerda Unida e Izquierda Xunida de Asturias alertarán tamén dos nefastos danos irreparables” que levará a inclusión da agricultura no Acordo de libre comercio que a UE negocia actualmente con EEUU, polo que chamou a facer unha fronte común entre agricultores, sindicatos agrarios, representantes políticos e cidadáns en contra da negociación deste acordo de libre comercio.

Relacionados