Record histórico xamais rexistrado con 53.500 novos desempregados, o que supón case 5,7 millóns de persoas paradas, 25% de persoas desempregadas, un de cada catro españois, e ven a confirmar as denuncias do grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes cando aseguraba que o PP estaba a arruinar o país, a empobrecer ao pobo español e a atacar aos máis necesitados por meros motivos ideolóxicos. Mentres a meirande parte dos economistas coinciden en que a saída da crise pasa inexorabelmente polo fortalecemento do investimento público para reactivar unha economía produtiva ávida de inxección de capital, o Goberno de España segue parapetado no “mantra” da austeridade e os recortes. A miopía económica do PP non a comparten nin os propios mercados, dos que o PP amósase fiel lacaio como amosa a inmediata suba da prima de risco logo de coñecer as erráticas medidas tomadas polo executivo central, ou o anuncio de Goldman Sachs de que non cumpriremos co obxectivo de déficit e que o noso PIB caerá un 1,4%.
Xa con anterioridade desenvolveu un golpe de estado laboral na procura de rematar con traballo digno mediante a eliminación dos contratos indefinidos como amosa o dato de que o 53% dos empregos perdidos eran indefinidos.
Aínda que con cifras claramente inferiores o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera alarmante a liña ascendente de desemprego que segue A Coruña onde no segundo trimestre incrementouse un 15% en relación co trimestre anterior, chegado até o 15,3% logo do incremento de 2.300 persoas desempregadas o que equivale a suba de dous puntos porcentuais. Unha tendencia alcista claramente negativa que ten a súa continuidade diante da inacción do Goberno municipal que incapaz de comprender que o problema atópase no actual e caduco modelo produtivo, segue a apostar polo obsoleto modelo do ladrillo e o formigón como demostra o feito de que este sector é a súa única aposta, como o seu propio voceiro indica cando pon como exemplos de dinamización da economía o malgasto de 14 millóns para o soterramento do tráfico na Mariña ou a rehabilitación da fábrica de tabacos.
Esquerda unida propón que o goberno municipal convoque xunta de portavoces para consensuar un pacto institucional pola reactivación económica local, porque dende o noso grupo municipal foron moitas as iniciativas que propuxemos ao Concello para crear emprego e cambiar o modelo produtivo, mais temos a sensación de que caen en saco roto, xa que logo, necesitamos habilitar un espazo de diálogo e debate para tratar todas as iniciativas que cada grupo da corporación está a presentar, na procura de acadar puntos de encontro que permitan pactar un paquete de medidas tendentes a mellorar o noso tecido produtivo local.
A xunta de portavoces, e un órgano que no se está a utilizar na Coruña, mais constitúe unha feramenta fundamental noutros concellos, por iso apostamos para que sexa unha ferramenta construtiva que nos permita a todos remar no mesmo sentido para loitar contra a maior preocupación da veciñanza coruñesa.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “en vista que tanto goberno central como Xunta de Galicia son incapaces de aplicar medidas tendentes á recuperación económica, fagámolo dende o concello a nivel local”.