Na xuntanza de Esquerda Unida coa AAVV do Castrillón constátase a ineficacia do sistema clientelista de concelleiros de barrio impulsado polo goberno municipal. Un sistema que está a ralentizar os contactos entre Concello e veciñanza e que ben a demostrar que o Goberno local non comprende o concepto de asocianismo veciñal, entendendo por esto o mero feito de pedir cousas, cando en realidade as AAVV fan un traballo de grande importancia social pois ademais de facer de nexo de unión entre a veciñanza e ser un viveiro de ideas para mellorar os nosos barrios, teñen a capacidade de participares en desenvolvementos conxuntos cos poderes públicos.
Para o grupo municipal de EU-V que o Goberno municipal rescinda o convenio coa federación de AAVV mostra claramente a falta de interese do PP pola participación cidadá, como o demostra da falta de comunicación cos representantes veciñais, os meses de espera que leva a AAVV do Castrillón para ser recibidos polas distintas concellerías ou mesmo a falta de contestación á federación de AAVV en relación coa solicitude do protocolo de actuación cos concelleiros de barrio.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “as AAVV e a veciñanza en xeral saben que poden contar con nós como correa de transmisión das súas inquedanzas cara ao Concello. Defenderemos o dereito dos veciños e veciñas a asociarse para mellorar a calidade de vida nos seus barrios”.
Por outra banda Esquerda Unida reitera o seu compromiso coas demandas da veciñanza do Castrillón, compromiso acadado na xuntanza de febreiro coa AAVV e na Asemblea de Barrio desenvolvida en maio. O Castrillón é un barrio que ten déficit en materia de desenvolvemento, mobilidade, equipamento e mantemento. Polo que pularemos pola construcción do complexo deportivo e a piscina demandada pola veciñanza dende fai anos, a residencia da terceira idade onde so falta que o Concello ceda os terreos a Xunta para a súa construción, así como acelerar os tramites burocráticos para comezar a urbanización dos dous polígonos pendentes, o asfaltado das rúas en mal estado, a conservación do mobiliario urbano e das zonas verdes ou a limpeza de escombros e desbrozado de maleza nos terreos abandonados. Asemade en materia de mobilidades apoiamos a apertura de rúas, a mellora do transporte público ampliando as liñas de bus e a súa frecuencia, a creación de sendas verdes que conecten o parque de Eiris co parque de Oza ou a construcción dun parking na r/. Oleoducto cando Repsol se traslade.