Xuntanza AA.VV. Novo Mesoiro

Esquerda Unida mantén unha xuntanza coa AVV. de Novo Mesoiro para coñecer a problemática do barrio da man da veciñanza, a comitiva de EU estivo composta polo responsable de organización, Jorge Gil e o voceiro do grupo municipal, César Santiso. Mentres que a representación da directiva da AVV. estivo encabezada polo seu presidente, Nilo Moreno.

Durante a reunión os veciños e veciñas expuxeron as principais queixas do barrio como o enorme déficit en relación co transporte público colectivo onde escasean as frecuencias e falta liñas o que provoca que o barrio este practicamente incomunicado, até cos barrios limítrofes e obriga aos veciños e veciñas a utilizar constantemente o vehículo privado, precisamente en relación cos automóbiles outras das queixas expostas é a falta de aparcamento, algo totalmente inexplicable nun polígono residencial de nova construción rodeado de moitos solares baleiros que, segundo considera Esquerda Unida, poderíanse acondicionar temporalmente para dar unha solución inmediata a veciñanza mentres non se elabore unha solución definitiva.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “comprometémonos a trasladar ao Concello as necesidades dun barrio enormemente poboado que ten un grave déficit de infraestruturas”. Apesares de que Novo mesoiro está densamente poboado con preto de 12.000 veciños e veciñas e unhas 3400 vivendas, amosa unha alarmante escaseza de infraestruturas: carece de IES, CEIP, biblioteca, instalacións deportivas, ximnasio, espazos de lecer para os nenos maiores de 7 anos… asemade a gardería, con 25 prazas, resulta tremendamente escasa para un barrio tan densamente poboado cunha media de idade que rolda os 30-40 anos e cun alto índice de natalidade. O exemplo da desidia municipal para con este barrio formado principalmente por familias traballadoras observarse na pouca actividade do centro cívico onde practicamente so funciona o servizo de ludoteca con horarios pouco atractivos para o uso das familias segundo comentan os membros da directiva da AVV.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que as obras de urbanización de Novo Mesoiro recepcionaronse incorrectamente porque se priorizaron os intereses dos promotores sobre os dos veciños, así por exemplo, a día de hoxe e apesares de ser un barrio novo, a meirande parte das beirarrúas están rachadas debido a defectos de construción, o tendido eléctrico de alta tensión próximo aos edificios está sen soterrar ou a escasa urbanización nas rúas Ribeira Sacra e Fraguas do Eume, demostran que o Concello ten abandonada a veciñanza deste barrio.

 

Relacionados