No transcurso da xuntanza os representantes da AV manifestaron que dende a anterior xuntanza co Esquerda Unida, en abril do 2011, non se levaron a cabo a maioría das súas demandas para mellorar o barrio.
Unha das súas principais reivindicacións, que o Consello Comarcal de EU Compostela comparte, é a de abrir o barrio de Pontepedriña ao Ensanche grazas a un acceso peonil, aberto 24 horas, a través da estación do tren. Mais como é obvio este proxecto está parado debido á inoperancia do goberno local do PP, dado que a día de hoxe aínda non hai un proxecto definido de estación intermodal que faga posible elaborar o proxecto deste acceso até o Hórreo para os veciños e veciñas.
Tamén se reiterou a necesidade de mellorar a iluminación, tanto no troco de farolas en mal estado, por exemplo na rúa Boqueixón, como a necesidade de que a austeridade non poña en risco a seguridade dos peóns, como ocorre na rúa Clara Campoamor, onde por cada farola acesa hai dúas apagadas, o que provoca que as persoas que deban camiñar de noite por esta beirarrúa o fagan na penumbra existente.
Nesta rúa Clara Campoamor a AV, ademais de reivindicar que se controlen os excesos de velocidade existentes, expuxo a necesidade de que se realicen as obras necesarias para acondicionar o solar existente nesta rúa e que foi expropiado para darlle unha utilidade pública.
O Consello Comarcal de EU Compostela comparte as demandas feitas pola AV respecto a limpeza de solares e rúas, como por exemplo na rúa Vedra, a necesidade de solucionar o problema de insalubridade que provocan os edificios abandonados no barrio e de poñerlle remedio aos vertidos de augas fecais ao río Sar.
Por último, o Consello Comarcal velará porque se cumpra a promesa feita polo PP de acondicionar o parque infantil a carón do CSC e por procurar que se faga efectivo o uso público do quiosco situado no parque Eugenio Granell