Xuntanza co secretariado xitano

Esquerda Unida lanzou recentemente un chamamento para a construción dun proceso de rebelión cidadá para a que conta coa necesaria interlocución entre todas as persoas, movementos sociais, culturais e sindicais.

O deputado de AGE e membro da executiva nacional de Esquerda Unida, Xabier Ron, xunto con Sofía Díaz, responsable de políticas sociais, mantiveron unha xuntanza de traballo coa Fundación Secretariado Gitano coa fin de recadar información sobre a situación deste colectivo ante a situación de emerxencia social na que nos atopamos.

Con esta xeira de contactos, Esquerda Unida quere recoller de primeira man as propostas dos diferentes colectivos que se ven afectados polas políticas antisociais do Partido Popular, máis concretamente tras a presentación dos orzamentos para o 2015 que veñen a recortar en dereitos sociais e inversións económicas.

A Fundación do Secretariado Gitano, representada pola súa directora territorial en Galicia, Eva Vera, e pola coordinadora de Compostela, Ana Isabel Suárez, manifestaron a súa preocupación e indignación polo agravamento da situación de exclusión social que segue a padecer a poboación xitana, especialmente en Galicia, donde viven entre 9000 e 12000 persoas xitanas.

Segundo estudos realizados a nivel estatal, en 2007 un 5,8% da poboación xeral se atopaba nunha situación de exclusión severa, esta porcentaxe increméntase no 2013 ata un 9,5% da poboación. No caso da comunidade xitana os datos se disparan ata cotas insoportables socialmente. Xa no 2007 un 26% se atopaba nesta situación, pero é que no 2013 ata un 54% da comunidade xitana se atopa nunha situación de exclusión severa. E estes datos non fan máis que empeorar se os trasladamos a Galicia.

Así, no 2007 un 4% da comunidade xitana, a nivel estatal, vivía en condicións de infravivenda e/ou chabolismo, ampliándose no caso de Galicia ata un 30%. Nestes anos só se conseguiu reducir ata un 20%, a poboación xitana galega que vive nestas condicións.

Outro apartado no que a Fundación do Secretariado Gitano denuncia graves desigualdades é o acceso á educación, a formación e apredizaxe permanente Especialmente preocupante é a taxa de abandono escolar na educación secundaria, que xa afecta a 6 de cada 10 nenas e nenos.

E neste contexto social, non se entende que o Goberno galego do PP non tivera en conta as aportacións realizadas pola Fundación do Secretariado Gitano na programación dos programas FEDERe FSE 2014 – 2020. O Goberno galego desaproveita un instrumento clave de financiación, os Programas FEDER e FSE, ó non considerar como prioritarias accións que pulen pola erradicación da infravivenda e o chabolismo (non consta mención expresa a existencia do chabolismo ninreferencia algunha á súa eliminación), así como pola redución dos altos índices de absentismo e de abandono escolar prematuro.

Esquerda Unida comprométese a visibilizar socialmente e no Parlamento Galego a realidade da comunidade xitana e a achegar propostas e alternativas que dende a sociedade civil, a través da Fundación Secretariado Gitano, pero tamén dende as administracións e a política poidan ser útiles na loita contra a situación actual, derivada das políticas do goberno, incapaces de recoñecer ó enriquecemento que supón a diversidade social e favorecer a súa integración social.

Relacionados