Esquerda Unida prosigue coa súa rolda de xuntanzas cos sindicatos para acadar a tan ansiada unidade de acción na procura de acadar unha fronte ampla que sexa quen de pular polos intereses da maioría social. Sindicatos, esquerda social e esquerda política deben sumar esforzos para loitar contra os poderosos, os banqueiros e os especuladores, que baixo o nome dos mercados, están a ditar as ordenes de gobernanza que tanto PP como PSOE non dubidan en asumir para recortar os dereitos das familias traballadoras.
O consello comarcal de Esquerda Unida reuniuse cos secretarios xerais das provincias galegas do Sindicato Ferroviario que forma parte da confederación intersindical para expresarlle a idea anteriormente esporta e que os responsábeis do Sindicato Ferroviario compartiron. A xuntanza serviu tamén para definir estratexias, non so de cara a Folga Xeral senón tamén para manter o calendario de mobilización, polo que ambas organizacións decidiron manter xuntanzas periódicas nos vindeiros meses para consensuar posíbeis actuacións conxuntas encamiñadas a defender os dereitos dos traballadores e traballadoras.
O coordinador comarcal de EU, César Santiso, indicou que “a Folga Xeral non é o fin, senón o principio dunha prolongada e intensa época de mobilización social na loita pola defensa dos nosos dereitos”.
Pola súa banda Carlos Costoya, secretario xeral da provincia de Pontevedra, apostou pola unidade de acción. “Aínda que buscamos un sindicalismo alternativo, agora é o momento da unión” e puxo o exemplo de RENFE e ADIF, onde todos os sindicatos con representación no comité de empresa fixeron un traballo de consenso para sumar esforzos, así CCOO, CGT, SCF, SEMAF, Sindicato Ferroviario da confederación intersindical e UGT desenvolveron unha resolución unitaria de convocatoria de folga xeral para rexeitar a reforma laboral.