Xuntanza co Sindicato Ferroviario

Continúan así as xuntanzas de Esquerda Unida na procura de conformar unha fronte ampla de esquerdas que sexa quen de loitar contra as políticas neoliberais encarnadas polo PP e PSOE, e acadar unha maioría social hexemónica que transforme o inxusto e insutentable sistema capitalista. Por parte da executiva nacional de EU participaron a coordinadora nacional e candidata á presidencia da Xunta de Galicia, Yolanda Díaz, o secretario de organización Jorge Gil e o responsable de comunicación César Santiso, mentres que a delegación do SF-Intersindical estaba encabezada polo seu Secretario Xeral a nivel estatal Rafael González Escudero que veu acompañado dos responsables da Coruña, Pontevedra e FEVE Galicia.

Esquerda Unida reúnese co Sindicato Ferroviario Intersindical para tratar a inminente privatización do sector ferroviario. É recurrente falar da débeda de Renfe, Adif, e FEVE para explicar a súa privatización, pero a deuda adquirida neste sector,  correspóndese coa compra de vehículos e mellora de infraestructuras pagadas cos impostos de toda a cidadanía e que agora o goberno do PP pretende ultraliberalmente poñer ao servizo das empresas privadas. É por isto que o Sindicato Ferroviario e Esquerda Unida fan un chamamento á cidadanía para que mostre o seu apoio ás mobilizacións que haberá en defensa dun sector público tan importante para o noso país como é o transporte.

Logo da xuntanza desenvolveuse unha rolda de prensa conxunta que inciou César Santiso indicando que “as políticas neoliberais que está a desenvolver o goberno do PP están a cercenar os dereitos da cidadanía e a desmantelar os servizos públicos, nesta ocasión tocaquelle a quenda ao ferrocarril, transporte fundamental para avanzares cara unha mobilidade universal e sostible que reduza a nosa dependencia do petroleo. Así mediante un proceso de liberación que rematará en privatización, unha importantísima perda de activos económicos que terá un elevado coste para a cidadanía.

Posteriormente tomou a palabra Rafael González Escudero, quen coincidiu coas declaracións de César Santiso ao considera un roubo á cidadanía a liberalización de RENFE e ADIF.  Segundo este, a rede ferroviaria galega sufriu un abandono continuo por parte de todos os gobernos anteriores, a liña de alta velocidade podería haberse convertido nunha liña de cercanías que comunicara todo o territorio galego  con tan só unha pequena mellora nas infraestructuras existentes e a electrificación das vías, convertindo así a actual incomunicación nun servizo moito máis económico.

Finalmente tomou a palabra Yolanda Díaz quen considera que “os servizos públicos non teñen que ser rentableis, senón que deben prestar un servizo á cidadanía”. A crise é a excusa á que recorre o goberno do PP para iniciar os procesos de privatización pero un principio básico é que os servizos públicos non teñen que dar beneficios senón que deben prestar un servizo á cidadanía, falamos de transporte, de ensino, de sanidade. Este tipo de medidas privatizadoras  nun estado xa de malestar, provocan unha agudización da crise, un conflicto social que afectará como sempre aos usuarios e ás e aos traballadores cos seus consecuentes ERE´s e despidos.

Por todo isto, Esquerda Unida dentro da súa defensa dun sector público de calidade e garante dos servizos á cidadanía apoiará a vindeira mobilización prevista polos sindicatos para o 17 de setembro onde a defensa do público voltará a ser o lema xunto coa  a petición de derogación do RDL 22/2012.

 

 

Relacionados