A primeira inquedanza compartida nesta xuntanza foi o proxecto mineiro da empresa Erimsa, dunhas 8.000 hectáreas que afecta a nosa comarca e a de Ordes, e que suporía, de levarse a cabo, unha actuación de forte impacto negativo sobre as explotacións agrogandeiras da bisbarra e sobre o río Tambre e os seus afluentes.
Unha vez máis hai que criticar a falta de información sobre o proxecto por parte das administracións públicas, unha nova mostra de falta de transparencia, esixindo dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela que o Concello faga público o antes posible o informe preceptivo de se avala ou non esta actuación mineira que ameaza a nosa comarca.
Outros asuntos tratados na xuntanza foron as actuacións que o Concello pode levar a cabo para apoiar a agroecoloxía de proximidade e a súa venta directa, fomentando e colaborando para encontrar espazos públicos para que esta actuación, como xa o é o Mercado entre lusco e fusco, se poida realizar en diferentes barrios da cidade.
Para corrixir a falta de apoio institucional por parte do Concello para incentivar a posta en marcha de novas explotacións agrogandeiras, sobre todo entre a xente moza, ou axudar ás xa existentes puxéronse enriba da mesa diferentes propostas.
O Consello Comarcal de EU coparte a reivindicación de que o Concello elabore un censo de leiras baleiras e sen uso que poida haber no rural compostelá, e incentive, por exemplo, con medidas fiscais a súa cesión a persoas dispostas a levar a cabo unha explotación agraria.
Outra cuestión que pode acometer o Concello é a de facilitar os trámites administrativos que, por exemplo, ata dificultan a instalación de invernadoiros.
Por último os representantes do sindicato manifestaron a súa preocupación, compartida polo Consello Comarcal, polas actuacións levadas a cabo na Praza de Abastos, que parecen máis proclives a buscar un uso turístico do lugar, que ao de manter a súa función de venta de alimentos de proximidade directamente do produtor, mantendo unha actitude discriminatoria no trato e sen contar coa opinión desas persoas, sobre todo mulleres, que os martes, xoves e sábado venden no exterior da praza os seus produtos cando podían estar perfectamente integradas nela nese local agora reservado para un restaurante.