Xuntanza coa AA.VV.S.Xoán Bertón

Na mañá de hoxe, o concelleiro de EU, Javier Galán, percorreu, xunto co presidente da Asociación de Veciños San Xoan – Bertón, Andrés Medín, e outros veciños, as rúas deses barrios, abandonados polo goberno municipal e nas antípodas da performance que supón o ficticio Plan de Barrios oficial, un deseño de enxeñería mediática artificial baleiro de contido.

Javier Galán recolleu a impresión real da veciñanza, que é a que conta, e non o mantemento discrecional, deficitario e puntual dunha focha ou un pintado de rúa para obter rendibilidade electoral baseada nunha cortina de fume.

A modo de exemplo, os veciños e veciñas de San Xoan e O Bertón, denuncian:

No barrio de San Xoan un parque infantil ilegal, con instalacións non permitidas e perigosas, como bancos de cemento ao lado da zona de xogos infantís.

A Rúa Basanta é o paradigma do escándalo que supón o Plan de Barrios, xa que aparece como executada a reparación de beirarrúas, e como se aprecia nas imaxes achegadas é absolutamente falso, e nin tan sequera están rematadas.

Na Rúa Escorial estase a consolidar pola vía dos feitos o acceso natural ao novo centro comercial do Boial, acceso que non está urbanizado por falta de previsión e planificación, pese a haber denuncias dos veciños ante o alcalde de Ferrol e os concelleiros de urbanismo, Guillermo Evia, e  de seguridade e servizos, Pablo Cal

No Campo do Chao está sen rematar a segunda fase de accesos á escola de San Xoan, co perigo que supón para os nenos que acceden a pé, pois non dispoñen de beirarrúas, necesidade urxentísima por seguridade, como manifestan os veciños

A Rúa Souto, no lugar de Abruños, nin figura como rúa no banco de datos do Concello, o que se ve reflectido no seu total estado de abandono.

Cerca dese mesmo lugar hai rúas con saneamento público pero sen urbanizar, incluso sen asfaltar, o que non permite apenas o paso en inverno, sendo como é paso natural por exemplo para ir á farmacia.

A rede de sumidoiros do lugar do Río do Toxo e o parque biosaudable están pendentes dende os orzamentos participativos do 2009.

No Bertón o concello non quere proceder a rematar a urbanización do lugar indispensable para trenzar a comunicación coa Avenida das Pías e acabar a trama urbana. O concello escúdase en que moitos dos camiños non son municipais, pero os veciños manifestan a Javier Galán no mesmo lugar que cobraron as expropiacións correspondentes, amosan documentación que acredita que si son municipais. O abandono do barrio ponse de manifesto nun cabalo morto, abandonado e tapado cuns plásticos que permanece na beirarrúa dende hai dous días, ao pé das vivendas recen entregadas

Esta é a realidade destes barrios de Ferrol, moi afastada dese Plan de barrios no que ninguén cre, que descompensa os recursos de limpeza e baldeado das rúas, que se maquillan por un día para que estean impolutas ao paso do Alcalde e o seu séquito pero que unha vez que obtén a foto de rigor, a falta de previsión urbanística, o mantemento deficitario, a desatención aos problemas estruturais dos barrios volven a poñerse de manifesto.

Javier Galán, reivindica que o alcalde de Ferrol suspenda, se lle queda algo de dignidade e por vergoña, a pantomima que representa o Plan de Barrios, que se acolla ao que procede segundo o Regulamento de Participación Cidadá, isto é a convocar o Consello da Veciñanza e os diferentes Consellos sectoriais para acometer as eivas da cidade con compromisos serios, e non á broma que supón o fume do baldeo e pintado do Plan de Barrios, unha infamia disfrazada de xestión.

Relacionados