O Grupo Municipal de Esquerda Unida manterá mañá venres, ás 12:00 horas, no local social da A.VV. de Canido unha xuntanza de traballo coa directiva da entidade veciñal.
Polo Grupo Municipal asistirán Yolanda Díaz, Javier Galán e Sari Alabau, os cales exporán as liñas mestras do documento de orzamentos alternativo presentado polo noso Grupo encol do vindeiro exercicio orzamentario. A dotación de partidas específicas para participación cidadá e orzamentos participativos, para a provisión de servizos na Zona Rural, para fornecer as políticas públicas de igualdade home-muller e o afianzamento das partidas de contido social son as sinais de identidade da nosa proposta alternativa.
O Grupo Municipal de EU vai recoller as demandas e suxestións da veciñal de Canido ao obxecto de mellorar e enriquecer a nosa proposta alternativa de orzamentos cara a negociación dos orzamentos co Goberno Municipal.
Esquerda Unida considera necesario incorporar a voz da veciñanza na elaboración dos orzamentos municipais, en canto elo supón unha meirande participación veciñal nas cousas da cidade e o fornecemento do papel do movemento veciñal na conformación da cidade que todas e todos queremos. Deste xeito, EU vai continuar as reunións coas entidades veciñais para perfilar e detallar a nosa proposta de orzamentos.