Esquerda Unida constata o total abandono ao que o concello leva sometendo durante décadas aos núcleos rurais de Elviña, efectivamente durante a visita constatouse a falta de investimento e déficit en canto a infraestruturas básicas e mantemento tanto no núcleo de Elviña como no de O Castro de Elviña. Tal foi a deixadez dos distintos gobernos municipais que esta zona de grande valor paisaxístico, riqueza natural e construcións tradicionais, semella máis propia de países subdesenvolvidos.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes desenvolverá iniciativas plenarias para que o concello resolva de urxencia as alarmantes eivas en canto a seguridade viaria e ausencia de recollida de pluviais en Elviña. É incríbel que a estrada principal que une os dous núcleos rurais e o campús universitario careza de beirarrúas, o que amosa o elevado grado de inseguridade que sofre a veciñanza, algo que se ve incrementado debido a que a pouca anchura da estrada case non permiten que pasen a vez dos vehículos en sentido contrario. Asemade existe un enorme déficit de sinais viarias e as estradas atopasen cheas de baches e a maleza as invade xa que o Concello e a Universidade non limpan as fincas expropiadas, tendo que ser a propia veciñanza a que limpe de maleza as fincas diante do risco de incendio en verán, algo inaceptábel porque pagan impostos como o resto da cidadanía e a Administración non está a atender as súas obrigacións.
Especialmente grave é a falta de pasos de peóns en toda a zona, especialmente na estrada intercampus a altura do cruce do núcleo do castro de Elviña, co propio castro. Zona onde tamén é necesario instalar bandas rugosas redutoras pois os vehículos, incluídos autobuses urbanos, circulan a alta velocidade apesares de ter unha limitación de 30 Kms/h. Asemade na zona do Souto a iluminación é escasa, sobre todo á altura da parada de autobús o que dificulta poder utilizar o transporte público cando non hai luz do día.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “a veciñanza de Elviña ten o meu compromiso de someter ao goberno municipal a un exhaustivo control para asegurar que se executen con prema as actuacións comprometidas”, como as actuacións necesarias para mellorar a seguridade viaria, o asfaltado das estradas ou a correcta canalización de augas pluviais.