Un dos temas tratados nesta xuntanza, como xa se fixera na anterior mantida con este colectivo en febreiro de 2011, foi o Urbana Norte, do que manifestaron os representantes da AV que se desvincularan debido a certas cuestións sobre o seu funcionamento.
O Consello Comarcal de EU Compostela sempre manifestou as súas queixas pola deficiente xestión levada a cabo con este proxecto e, sobre todo, polos ineficaces ou inexistentes mecanismos para converter o Urbana Norte nun modelo de participación cidadá na toma de decisións.
O tema que acaparou a maior parte da xuntanza foi o tema das obras que, se non volve haber retrasos, comezaran en uns meses na rúa de San Pedro.
O Consello Comarcal comparte totalmente as reivindicacións do colectivo veciñal de que calquera medida que se tome nesta rúa ten que pasar inexorablemente por unha diminución drástica do transito de vehículos e cara a maior peatonalización posible, se non pode ser total, desta rúa.
Pero o que non pode ocorrer é que, por mor do gasto que vai supoñer as obras nas rúas de San Pedro, non se acometan obras urxentes que “A Xuntanza” reclama, como o arranxo inmediato das beirarrúas de Quiroga Palacios, dado que o seu lamentable estado supoñen un claro risco para as veciñas e veciños.
Tamén compartimos a proposta exposta pola directiva da AV de que o Concello debe tratar de inmediato a cuestión do envellecemento, que ocorre tanto neste barrio como en outros moitos da cidade, para levar a cabo medidas para colaborar nunha vida autónoma e enriquecedora das persoas maiores.
Por último ante a información recibida de que o Concello xa non colaboraba economicamente no pago do aluguer do local social da AV, que, como comprobamos onte, ten unha gran actividade, consideramos lamentable que, baixo a escusa da crise, o equipo de goberno do PP suprima no 100% a partida orzamentaria para o pago deste aluguer, obrigando a AV a un gran esforzo para manter a súa gran labor social.