Xuntanza coa AVV Raigame

Na xuntanza, consistente nun percorrido por diferentes zonas do Ensanche, os representantes da AV manifestaron que esta zona de Santiago necesita actuacións de mantemento e reurbanización con urxencia.

Unha das reclamacións, que conta co total apoio do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, é a necesidade de que os colectores de lixo na r/ Nova de Abaixo nº17 volvan estar soterrados, esixindo ao Concello que actúe de inmediato e atenda as demandas da A.VV. posto que elevaron xa tres escritos ao equipo de goberno para que actúe e solucione o problema.

Tamén compartimos a necesidade de reurbanizar as escaleiras que unen a r/ Nova de Abaixo con Rosalía de Castro e que presentan un lamentable estado de sucidade e abandono pese ao gran transito diario de persoas que as utilizan.

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela esiximos, ao igual que dende fai tempo o pide a A.VV: Raigame, un plan de actuación na Praza de Vigo que acometa as obras necesarias de mellora que este espazo público necesita.

Outra actuación necesaria e moi urxente para o Ensanche é o arranxo de estradas e beirarrúas, cuxo lamentable estado supón, en moitos casos, un grave risco para a seguridade das veciñas e veciños.

Outra petición da A.VV:, debidamente rexistrada e que o Consello Comarcal de EU comparte, é a necesidade de solucionar os problemas que poidan existir nos urinarios públicos situados na Alameda, que a día de hoxe seguen pechados, sen data coñecida de reapertura, polo que demandamos ao concello que leve a cabo as medidas necesarias para acometer o antes posible a posta en funcionamento destas instalacións.

Por último, entre as moitas propostas feitas polos representantes da A.VV: Raigame, dende o Consello Comarcal de EU Compostela queremos destacar a necesidade de instalar unha marquesiña na parada nº 694 situada na r/ do Hórreo, xusto antes do Ambulatorio, e que é moi utilizada, por exemplo, por pacientes crónicos de tratamento diario ou dependentes e acompañantes que se ven na obriga de padecer as inclemencias do tempo nunha parada sen ningún abrigo

Relacionados