xuntanza plataforma defensa sar para web2.jpg - 90.16 Kb

Xuntanza coa Plat. defensa Sar

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA E A PLATAFORMA EN DEFENSA DO RÍO SAR CONCORDAN EN QUE A SITUACIÓN MEDIOAMBIENTAL DO RÍO SAR É LÍMITE

 

Os representantes do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Xabier Ron, María Rozas e Vicente Vázquez, mantiveron unha xuntanza coa Plataforma en Defensa do Río Sar.

 

Neste encontro levado a cabo o luns, 16 de abril, pola tarde se expuxeron as liñas de acción necesarias para combater a deficitaria situación de depuración que padece a nosa comarca, situación que ten unha enorme incidencia río abaixo, no Sar, e que no seu decorrer remata por afectar a todos os concellos polos que pasa.

 

A Plataforma en Defensa do Río Sar expuxo as razóns que motivaron o seu nacemento e acompañou a súa exposición co visionado de certas gravacións audiovisuais que revelan o grao de contaminación medioambiental que padece o río Sar e que veñen provocados pola deficitaria depuración da EDAR da Silvouta e que derivará, de seguirmos así, nun problema de saúde pública.

 

Os representantes do Consello Comarcal expresaron o apoio de EU á Plataforma e comprometeron o seu traballo en distintos eidos (comarcal, nacional e federal) para que se poñan en marcha distintas accións destinadas a ir solventando aspectos relacionados coa mellora da calidade das augas a depurar.

 

Unha delas reclamar que a empresa concesionaria de augas se comprometa máis coa súa condición de prestadora dun servizo público e que se esforce por levar a cabo actuacións de filtraxe e que dote de boas arquetas tamizadoras algúns treitos salientables coma o do enganche entre Milladoiro e a Rocha, onde a cantidade de resíduos sólidos que quedan a flote, cando baixan augas pluviais e residuais, é sinxelamente abraiante e preocupante pola cantidade de lixo que se acumula e por ser fonte de contaminación. Un lugar no que cómpre traballar é na central de bombeo de augas residuais de Vilastrexe (Villestro), xa que, debido ao seu mal funcionamento, as augas procedentes dos sumidoiros acaban de forma directa no río Roxos.  E cando chove a situación é moito máis grave.

 

Igualmente, a nosa organización solicitará á administración competente que a auga do río, posterior dos aliviadoiros que coinciden cun treito do Camiño de Santiago, preto da ponte da Rocha, onde os peregrinos aproveitan, cansos da viaxe, para bañarse, sexa analizada pertinentemente para, con datos concretos, decidir se esta zona se pode ou non declarar apta para o baño.

 

Outras tarefas deben ser rematar o interceptor do colector do Sar, do que están realizados algúns treitos. Estas accións permitirían reducir a presión das augas a depurar na EDAR da Silvouta. Non obstante, a acción principal é que Santiago teña unha depuradora como se merece e realizada coa técnica máis eficiente, a das membranas. Hai coincidencia en que non se poden demorar máis os tempos e que cómpre axilizar a realización do estudo de impacto medioambiental da nova ubicación proposta polo equipo de goberno do Concello. O feito de que non exista ningunha partida nos orzamentos xerais do estado para o 2012 a este respecto é moi negativo. O río Sar está nunha situación moi deteriorada e estender varios anos a actual situación de contaminación podería converterse mesmo nun grave problema de saúde pública.

Relacionados