Xuntanza con Andaina

O tema da conversa foi a preocupación, compartida por ambas partes, sobre a situación actual de crise que padecemos as mulleres: A feminización da pobreza na nosa comarca, os recortes na Lei de Dependencia, a elevadísima precariedade laboral nas mulleres, as menores taxas de actividade recoñecida, a situación da prostitución, o desmantelamento de todo recurso público en prol da igualdade, e a modificación regresiva da Lei do Aborto que quere levar a cabo o goberno do PP. As Mulleres de EU Compostela, como as representantes de Andaina, manifestamos o noso absoluto rexeitamento a esta modificación retrógrada, patriarcal e machista.

Unha vez máis é necesario rebelármonos e defendérmonos contra este novo recorte dos nosos dereitos, autonomía e liberdade. Quérennos converter en cidadás de segunda, carentes de dereitos e submisas á tutela do estado nas decisións sobre as nosas vidas, convertendo a maternidade nunha imposición, non nunha opción.

Por todo isto dende a Área de Mulleres concordamos coas representantes de Andaina en apreciar a necesidade de unir empeños de forzas feministas para traballar durante os próximos meses nunha campaña en contra desta reforma da Lei do Aborto.

Por outro lado, dende a Área expresamos o noso apoio e admiración ao labor feito por Andaina, a través da Revista Feminista, que fai pouco celebrou o seu 30 aniversario, así como do MUFEST (Festival de Cine feito por Mulleres). Falouse do interese de ambas partes en futuras colaboracións para establecer un espazo onde visualizar o cinema feito por mulleres e onde realizar debates feministas.

Relacionados