Xuntanza con COGAMI

Por desgraza no transcurso da xuntanza os representantes Confederación Galega de Persoas con Discapacidade manifestaron que dende a anterior xuntanza con Esquerda Unida, en abril do 2011, a entrada do Partido Popular no goberno do Concello supuxo un despropósito e un retroceso en todo o traballo realizado até o de agora.

Consideramos inadmisible que a día de hoxe o Concello non respectase o procedemento administrativo do contrato de mantemento para a zona de Salgueiriños a Cogami, que demostrou a súa eficiencia e labor social. Agardamos se solucione debidamente o antes posible e esta zona de Santiago volva ter, a través de Cogami, o mantemento que precisa e evitar a lamentable deterioro que sofre pola incompetencia do equipo de goberno de Currás. Outra cuestión que consideramos imprescindible é que o Concello actúe e en evitar o roubo de papel para reciclaxe que está a sufrir a empresa Coregal.

O Consello Comarcal de EU Compostela comparte totalmente as reclamacións de políticas transversais que afecten a todos os ámbitos de actuación do Concello, e non meros feitos esporádicos e cosméticos. Por iso demandamos que o antes posible, mediante o debido debate e participación coas entidades interesadas, se leve a cabo a elaboración dunha ordenanza de accesibilidade que rexa na cidade.

Por suposto compartimos a necesidade de incluír obrigatoriamente as cláusulas sociais nos contratos públicos que, por exemplo entre outras moitas cuestións, valoren debidamente o que supoñen a hora de prestar servizos que a cidadanía demanda os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro. Por suposto é necesario que se faga real a reserva de prazas para persoas con discapacidade na función pública.

Dende o Consello Comarcal de EU demandamos ao PP que teña a vontade política necesaria para facer efectiva, non un mero ornamento publicitario, a comisión de accesibilidade. Debendo acometer o antes posible, entre outras cuestións, un censo de pasos de peóns que deban ser acondicionados debidamente para facilitar a mobilidade, a elaboración dun plan de accesibilidade a edificios municipais, o acondicionamento das paradas do transporte público ou, por exemplo, un estudo das tarxeta de estacionamento para evitar as fraudes

Relacionados