Xuntanza con UGT

Esquerda Unida continúa a xeira de xuntanzas co sindicalismo de clase galego para expresar tanto o noso máis firme apoio á convocatoria de folga xeral do 14 de novembro, canto para coordinar as labouras de traballo social conducentes a garantir o éxito da convocatoria.

Este xoves, contras as 16:00 horas, unha delegación de Esquerda Unida encabezada pola Coordinadora Nacional Yolanda Díaz manterá un encontro de traballo coa Executiva da UGT de Galicia, nos locais nacionais do sindicato en Compostela.

Yolanda Díaz vai apelar nesta xuntanza á dignidade e capacidade de loita do pobo traballador para derrotar a fachenda dos poderosos señores dos cartos e dos mandadiños gobenantes que lles fan o traballo sucio, o que lles permite acumular beneficios no entanto as clases traballadoras e populares sofren a demolición controlada das condicións de vida e traballo, que permiten o exercicio dos dereitos da cidadanía social.

Para EU a convocatoria de Folga Xeral na que estamos a participar coa nosa militancia e simpatizantes e da que formaremos parte nos piquetes informativos, expresa a vontade de loita e solidariedade do mundo do traballo cunha sociedade atenazada pola violencia material da crise.

A Coordinadora Nacional sinalará na xuntanza a urxencia de remudar de xeito radical as actuais políticas económicas e sociais que somentes provocan paro, pobreza e medo na nosa sociedade. En particular, o golpe de Estado dado polo PP en materia laboral e que se atopa recorrido por IU e o PSOE no Constitucional supón a meirande violencia conducida contra as clases traballadoras dende a fin da ditadura. Para tal finalidade, urxe desenvolver todos os traballos axeitados en orde a garantir unha resposta masiva das traballadoras e traballadores o vindeiro 14 de novembro.

 

Relacionados