Xuntanza cooperativistas do Ofimático

 

Por parte de EU-V participaron o responsábel de organización, Jorge Gil e o voceiro e coordinador comarcal, César Santiso, mentres que a representación dos cooperativistas estaba formada por Pedro López, Miguel Ángel González, José Ramón Mosquera e Luis Javier Álvarez.

 

Ambas delegacións coincidiron en dar escasa credibilidade á argumentación esgrimida polo Goberno coruñés que xustifica o bloqueo a motivos técnicos, nunha xuntanza na que Esquerda Unida trasladou a súa solidariedade as 300 familias de cooperativistas do Ofimático.

 

A decisión de paralizar a urbanización supón un afogamento económico para os cooperativistas que teñen que facer fronte, ademais dos gastos da súa vivenda habitual, ao pago da hipoteca e aos custos de xestión da cooperativa. Situación que favorece aos intereses especulativos dos promotores, entre eles a Xunta de Galicia, que prefiren esperar a tempos mellores e facerse coas parcelas dos cooperativistas.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou “con esta decisión o alcalde ponse de xeonllos diante da Xunta e dos especuladores e demostra que antepón os intereses partidistas aos da veciñanza da Coruña, xusto o contrario de Esquerda Unida que está sempre coas familias traballadoras”. 

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes, a petición dos cooperativistas, comprometeuse a intentar coordinar a acción política entre os tres grupos da oposición para desbloquear as obras, habida conta de que os tres grupos municipais coinciden neste punto, polo que o seu voceiro iniciará nestes días unha rolda de consultas con BNG e PSOE.

Relacionados