Dita xuntaza está enmarcada dentro dos encontros que Esquerda Unida está a manter con colectivos e organizacións do noso municipio de cara á confección do programa electoral e a análise das diversas problemáticas do municipio, fundamentalmente en materia de economía e emprego..
Portomeñe destacou a necesidade dun profundo cambio no modelo productivo e responsabilizou aos partidos maioritarios da aplicación nos últimos anos dun modelo baseado no ladrillo que foi unha das causas fundamentais da actual crise económica. “A política do ladrillo”, dixo, “trouxo endebedamento familiar, abandono de sectores productivos, desemprego e a destrucción do medio, entre outros”. Portomeñe engadiu que EU ten propostas concretas para xerar emprego e favorecer o desenvolvemento económico do municipio, e explicou que EU é constitúe unha alternativa real e vai ser unha forza decisiva no Concello despois das eleccións locais de maio. Finalmente resumiu os eixos sobre os que se asenta a proposta de EU para as municipais, facendo unha mención especial á política laboral do Concello, onde se require “diálogo”, “bo talante” e “saber estar”, o contrario que o goberno municipal nos últimos anos.
O Secretario Comarcal de CC.OO., Xesús Castro, destacou a colaboración existente entre ambas as dúas organizacións en programas de desenvolvemento municipais como o Plan de Mobilidade ou a Axenda 21. Castro fixo un repaso da situación socioeconómica do municipio e manifestou a disposición do sindicato a contribuir con propostas concretas para o programa de EU. Sinalou, asemade, a súa convicción de que un concello máis plural, en canto a unha maior presencia de forzas políticas no Pleno, repercutiría favorablemente na realidade sociopolítica da cidade.
Finalmente, Esquerda Unida ofreceuse a colaborar na recollida de sinaturas da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que impulsan os sindicatos de CC.OO. e UXT para a retirada da contrarreforma laboral aprobada o pasado ano polo goberno central. Portomeñe destacou a colaboración plena e decidida de EU para que a iniciativa sexa un éxito, e manifestou a súa convicción de que será IU quen defenda a ILP no Congreso dos Deputados.