Rolda de presna conxunta co Comité de Empresa Santiago Apóstolo

 

Iniciou  a rolda de prensa o responsable de Movementos Sociais do Consello Comarcal de EU Coruña, Miguel Novoa quen presentou aos distintos participantes.

 

En primeiro lugar tomou a palabra Susana Ameneiros, delegada de CCOO e presidenta do Comité de Empresa, quen explicou a grave situación pola que está a pasar o centro co despedimento de 19 traballadores e traballadoras diante do proceso privatizador iniciado pola Xunta de Galicia. Susana Ameneiros denunciou o constante desmantelamento dos servizos públicos por parte da Xunta de Galicia.

 

Asemade, a presidenta do Comité enumerou os distintos actos reivindicativos que os traballadores e traballadoras do centro levan tempo desenvolvendo e anunciou novas mobilizacións para o día 2 diante de San Caetano.

 

De seguido tomou a palabra César Santiso, membro do Consello Comarcal coruñés e da Executiva Nacional de EU, quen expresou:

 

“Semella que os nosos gobernantes padecen dalgún tipo de enfermidade que afecta seriamente a  súa capacidade de lembranza en relación cos acordos acadados na función pública. Primeiro foi o Goberno central do PSOE quen incumpriu os acordos asinados cos sindicatos, agora é o Goberno autonómico do PP quen avanza polo camiño do incumprimento.

 

En xullo de 2008, na Comisión Mixta prevista no protocolo de colaboración entre Vicepresidencia e a Consellaría de Educación, a Xunta de Galicia acadou un compromiso polo que a totalidade do cadro de persoal mantería a súa condición de empregados públicos, a repartir entre Vicepresidencia e Educación, pactándose os criterios para a adscrición de maneira individualizada e coa antelación suficiente. O acordo asinado incluía un incremento do cadro de persoal. Posteriormente, en xullo de 2010, a Consellería da Presidencia promoveu a constitución dunha Mesa de Negociación para acadar un pacto social polo emprego e os servizos públicos na Xunta de Galicia. Con todo, a Consellería de traballo e benestar, que debería ser un exemplo de xeración de emprego de calidade, presenta unha amortización de prazas na Relación de Postos de Traballo (RPT) do centro Santiago Apóstolo.

 

A práctica que está a seguir o Goberno do PP avala o desacougo das traballadoras e traballadores, por canto aos centros de atención á dependencia están a ser privatizados na súa xestión, coa conseguinte redución na calidade asistencial e o empeoramento das condicións laborais dos traballadores e traballadoras. Situacións que se agrava coa redución do gasto social recollido nos orzamentos da nosa Comunidade. Situación que poñen en evidencia a intención da Xunta do PP de rematar co xa escaso estado do benestar galego.

 

O centro Santiago Apóstolo, que acumula mais de 30 anos de experiencia, é pioneiro ao tempo que referencia no campo da educación especial. Xa que logo, o Consello Comarcal de Esquerda Unida na Coruña rexeita con rotundidade a amortización de 19 postos de traballo no centro Santiago Apóstolo e esixe a retirada da devandita proposta.

 

Para Esquerda Unida a estratexia de privatización encuberta da Xunta de Galicia é clara: primeiro debilita o servizo público deixando de investir nel, como o demostra o feito de que o persoal do Santiago Apóstolo organizou numerosas mobilizacións para protestar polo deterioro do centro: existencia de pingueiras, fallos na calefacción, gretas en paredes e teitos, barreiras arquitectónicas e falta de espazos de xogo ao aire libre, ou a existencia dun pavillón deportivo pechado e en estado ruinoso, para despois convertelo nun servizo ineficiente mediante a amortización de prazas, e así ter a desculpa da ineficacia para a súa externealización.

 

O Centro conta na actualidade cun centro de día, un colexio e unha residencia, da cal a Xunta non descarta con desfacerse, o que a xuízo de EU deixaría moitos usuarios sen un servizo esencial para eles.

 

Diante desta política privatizadora, EU solidarizase co cadro de persoal do Santiago Apóstolo e anuncia a súa total disposición a colaborar nas medidas reivindicativas que adopte o persoal, ao tempo que anuncia o desenvolvemento dunha batería de preguntas parlamentarias, asemade dunha moción no concello da Coruña.”

 

Finalmente tomou a palabra a delegada de UGT, Ángela Liste, quen esixiu a Xunta de Galicia que diga a verdade, “que lle diga aos pais e nais onde van a ir os seus fillos”, ao tempo que denunciaba que os alumnos están a ser presionados para abandonar o centro, que era gratuíto, e incorporarse a centros concertados que supoñen un custe económico para as familias.

Relacionados