Xuntanza na Academia Galega

O Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda mantivo un encontro esta mañá co presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín, para falar da situación da Institución tras o recorte do 70 por cento dos seu orzamento por parte do Goberno do Estado e que está a deixar a propia existencia a Real Academia Galega en perigo tal e como sinalou o seu propio presidente.

A vicevoceira do Grupo Parlamentar, Yolanda Díaz, denunciou o “ataque á cultura galega” que o Partido Popular esta a manter tando desde o Goberno estatal como o galego na mesma senda das políticas contra a cidadanía que está a desenvolver en todos os ámbitos.

O Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda presentou a pasada semana unha interpelación no Parlamento de Galicia referido as axudas suplementarias que precisa a Academia Galega, logo do duplo recorte imposto polo Goberno Central nos seus orzamentos na partida destinada a Real Academia Galega.

Yolanda Díaz destacou o feito de que é a Real Academia Galega, a que custodia da “estoutra patria da nosa lingua” nas verbas de Celso Emilio, e supón un elemento central na conformación da nosa identidade cultural polo que require dunha atención preferencial polas autoridades públicas galegas. As altas tarefas encomendadas á Academia como institución científica para o estudo da cultura galega e nomeadamente da ilustración, defensa e promoción do noso idioma, cobran hoxendía unha meirande relevancia cando tan poucos defensores ten a nosa cultura nas sedes do poder político do pobo galego.

A achega orzamentaria que recibe a Academia semella a todas luces insuficiente para atender o moi amplo abano de actividades que desenvolve. Da Academia depende a normativa do noso idioma e da  institución saen as fértiles ponlas dos seminarios de lexicografía ou sociolingüística, ou as seccións de historia ou literatura; ou o funcionamento do arquivo, da hemeroteca, as publicacións, etc., que son todas elas elementos necesarios para fomentar a nosa lingua e cultura e, xa que logo, de seren afectadas pola dureza e continuidade dos recortes quedarán gravemente comprometidas no desplegue do seu traballo.

Co duplo recorte orzamentario levado a cabo polo Goberno Central nos dous últimos orzamentos, cunha merma do 70 por cento dos sempre escasos recursos, cobra perentoridade abordar a situación de discriminación que padece a Academia Galega a pouco que se tire unha comparativa con respecto as outras entidades análogas nas outras nacións do Estado, velaí o caso das Academias vasca, catalá e valenciá. O propio Méndez Ferrín referíuse as diferencias que se están a dar entre estas institucións xa que mentres que a valenciá recibe 3.500.000 de euros, á galega apenas supera os 350.000 euros. Con esta situación “o que está en perigo é a propia Academia” lamentou o seu presidente.

Por iso, o Grupo Parlamentario de Alternativa Galega interpela ao Goberno da Xunta de Galicia para coñecer as previsións que ten para aumentar a partida orzamentaria de 2013 para a Academia Galega, de xeito que provea subsidiariamente os recursos económicos perdidos nos orzamentos do Estado e achegue unha partida orzamentaria para 2013  semellante á das súas homólogas catalana e vascas.

Execución da sentencia

A vicevoceira do Grupo Parlamentario explicou durante a visita a Real Academia Galega que o seu grupo vai “esperar que señor Feijoo e o seu goberno cumpra coa sentenza que anula parte do articulado do Decreto do galego” en caso de que non o fagan Yolanda Díaz anunciou que exisirán a execución da sentenza e de non facelo “levarémolos aos tribunais por desobediencia”.

 

Relacionados