A vicevoceira do Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda Yolanda Díaz, reuniuse esta tarde cos traballadores do Parador de Ferrol quen lles trasladaron a súa sorpresa ante o anuncio de peche xa que aseguran é un dos que menos perdas está a dar polo que non entenden esta medida.
Durante o encontro os traballadores denunciaron que a empresa ademáis está a empregar esta medida para despedir a traballadores que consideran ‘conflictivos’ como represalia. Así mesmo aseguran que o que realmente agocha esta medida é a privatización do Parador que ademáis acaba de ser totalmente reformado e que agora o que queren é vendelo para que fique en mans privadas.
O Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda presentou onte unha interpelación para a súa consideración no Pleno do Parlamento de Galicia relativa ao anuncio efectuado pola empresa estatal de Paradores de Turismo no que anuncia o peche dos paradores de Ferrol e Verín, o peche parcial de os de San Estevo, Tui, Monforte e Vilaba e os despedimentos de traballadores e traballadoras nos de Baiona, Cambados, Pontevedra e Compostela o que supón un novo golpe ao emprego e a dinamización económica de áreas significativas do noso país, que xa se atopan inmersas en moi graves dificultades económicas, a causa da inútil política económica para saír da crise e que provoca consecuencias criminais na nosa poboación.
O Grupo Parlamentario lamenta que a política lonxe de responder as nosas necesidades como cidadanía traballadora ven ditada manu militari pola troika comunitaria, expresión acabada dos intereses de clase das burguesías europeas.
O Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda esixe á Xunta de Galicia que asuma unha posición de defensa dos postos de traballo e dos nosos intereses sociais e económicos, que a medida acordada pola empresa pública Paradores de Turismo vén de comunicar onte aos representantes dos traballaodres prexudica de xeito grave. Por iso, presentaron unha interpelación na que pide a valoración da Xunta diante deste anuncio e o coñecemento previo que tiña dos peches e despedimentos anunciados así como saber cales son as medidas que pensa adoptar o goberno da Xunta de Galicia en orde de evitar a destrución de postos de traaballo e as subseguintes perdas económicas que se seguen no ámbito económico.