Xuntaza AAVV Os Anxos

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes mantén unha xuntanza coa AAVV Os Anxos enmarcada dentro da rolda de contactos co tecido asociativo iniciada fai unhas semanas. A intención de Esquerda Unida é manter relación constante coas AAVV para coñecer de primeira man os problemas da veciñanza, unha vez que o grupo municipal xa está asentado institucionalmente no Concello.

 

Esquerda Unida denuncia graves deficiencias en materia de seguridade viaria en Lonzas, a ausencia de sinais delimitadoras de velocidade, de beirarrúas polas que podan circular con seguridade os peóns, de sinalizacións viarias tanto horizontais como verticais ou de pasos de peóns debidamente sinalizados, son causa de que os peóns se xoguen a vida diariamente, como indicou o presidente da AAVV quen afirmou que levan esperando dende o mes de outubro por unha visita dos concelleiros de barrio.

 

César Santiso, indicou que “a desafección do Goberno municipal cos barrios do Birloque, Someso, Martinete ou Cabanas demostran a ineficacia do sistema clientelista de concelleiros de barrio, que constitúen un embude político-administrativo para resolver os problemas da veciñanza”.

 

Santiso subliñou que “en lugar de buscar unha participación cidadá aberta e democrática, o PP pretende tecer unha rede clientelista. Así pois, se o Goberno municipal non fomenta a participación dos veciños e veciñas da Coruña, será Esquerda Unida a través das Asembleas de Barrio quen comezaremos no 2012 quen leve a voz da veciñanza ao Concello, cumprindo así unha das nosas premisas de servir de correo de transmisión entre a cidadanía e as institucións”.

 

O voceiro de EU-V salientou que “a situación que viven algúns barrios coruñeses, como os que representa a AAVV Os Anxos, é a demostración palpábel da desigualdade entre barrios que existe na nosa cidade. Traballaremos arreo a prol da igualdade, porque todos os coruñeses e coruñesas temos dereito a gozar das mesmas dotacións e infraestruturas mais a realidade indica que hai barrios de primeira e outros de terceira porque nin tan sequera chegan a ser de segunda”.

Relacionados